Cluster Audiovisual Galego

O proxecto Tiivii de Cinfo gaña a convocatoria europea "EIC accelerator”

20-03-2020

Cinfo vén de recibir a notificación oficial da aprobación do 100% do seu proxecto “Tiivii: Smart Automatic TV production for everyone”, presentado á convocatoria europea EIC Accelerator. O EIC Accelerator está basado no Instrumento PEME Fase II e de maneira innovadora proporciona apoio en forma de financiamento combinado (combinando subvención e capital).

O esquema EIC Accelerator da Unión Europea apoia “ás pequenas e medianas empresas innovadoras de alto potencial que desexen desenvolver e comercializar novos produtos, servizos e modelos comerciais que poidan impulsar o crecemento económico e dar forma a novos mercados ou perturbar os existentes en Europa e en todo o mundo”. 21 empresas como Cinfo foron finalmente seleccionadas entre 1.849 empresas catalogadas como as máis prometedoras da UE. 180 empresas foron finalistas.

A UE valorou que “a innovación de Cinfo é avanzada e disrutiva, podería ter moitas aplicación e aproveita a fondo as tecnoloxías 5G e a IA; polo tanto, o momento é correcto. Ten o potencial de crear un novo mercado global, que inclúe comunidades arredor dos deportes e novos modelos de negocio para clubes deportivos.”

O comité do EIC Accelerator aprobou un investimento combinado de apoio directo e de capital que significa unha toma de participación de arredor do 20% de Cinfo (pendente de trámites legais e financeiros) e na que se poderían incorporar, de mutuo acordo con Cinfo e co“EIC Fund”, investidores adicionais que queiran comprometerse co proxecto.

O proxecto desenvolverase en 36 meses e, dacordo ao mismo, Cinfo espandirase alomenos en 9 países e cubrirá un total de 14.000 instalacións deportivas, operando baixo os modelos de negocio B2B e B2C, xa que Cinfo lanzará a súa propia OTT de deportes baixo a marca Tiivii. Ademais suporá a creación de 25 novos empregos na área de Intelixencia Artificial.

Cinfo xa está operando en España, México, Xapón e Suíza.

O investimento en I+D executarase principalmente na sede de Cinfo na Coruña e terá como partner destacado o CITIC da Universidade da Coruña.

Sobre Cinfo

Cinfo é unha compañía con sede en Galicia e especializada en sistemas intelixentes de produción automática de vídeo na nube. Ao longo dos seus máis de 15 anos de traxectoria desenvolveu arquitecturas de sistemas de alto rendemento para plataformas OTT (de retransmisión TV a través de Internet), smart TV, televisión dixital, apps móbiles, sistemas de visión artificial e tratamento de vídeo na nube. A tecnología Tiivii de Cinfo permite que cámaras fixas e móbiles gobernadas por intelixencia artificial sigan o xogo e produzan o sinal de TV de forma automática.

Cinfo é unha empresa independente desde Xullo 2018. Contou co apoio e o investimento de Xesgalicia, VigoActivo e Enisa.