Cluster Audiovisual Galego

Portocabo abre unha nova sede en Gran Canaria

13-03-2020

Portocabo, a produtora galega socia do Clúster Audiovisual responsable de “Hierro”, conta cunha nova sede nas Palmas de Gran Canaria desde o pasado mes de xaneiro. Así o anunciou Adolfo Blanco “Fosco”, director xeral de Portocabo, na illa de El Hierro, durante a presentación da segunda temporada da serie orixinal de Movistar+. Portocabo Canarias anunciará a persoa responsable da nova oficina, que nace co obxectivo de expandir o negocio de produción da compañía e de contribuír ao tecido industrial do arquipélago.

O ano 2019 foi especialmente positivo para Portocabo, que incorporou a máis persoas ao seu equipo e agora conta con doce empregados na súa sede da Coruña. “Somos unha xeradora de contidos e dedicámonos á produción executiva de contidos propios ou de terceiros. Empezamos en 2010 con catro persoas e non queremos que a nosa estrutura básica creza demasiado porque non queremos perder axilidade, queremos seguir traballando son múltiples socios nacionais e internacionais” asegura Fosco. Así, Portocabo decidiu apostar pola apertura de novas sociedades ou por participar en sociedades xa existentes. Despois de Canarias, a produtora podería abrir proximamente outra filial mesmo fóra das fronteiras españolas, así como unha nova empresa para xestionar todo o relacionado cos contidos infantís.