Cluster Audiovisual Galego

O Clúster Audiovisual celebra dous novos encontros sectoriais no marco dos Obradoiros de Dixitalización Industria 4.0 

30-10-2018

Enmarcados nos Obradoiros de Dixitalización na Idustria 4.0, que organiza o Clúster Audiovisual Galego, en colaboración co Clúster TIC Galicia e co apoio do Igape, este martes celebráronse, en Santiago, dous novos encontros que trataron sobre a adaptación dun ERP (sistema de xestión integral) para as empresas do sector audiovisual e ao redor da implantación dunha plataforma de entrega e validación de contidos audiovisuais.

O obxectivo destes obradoiros é fomentar o intercambio de coñecementos e experiencias entre axentes do sector para a identificación de necesidades comúns e a aportación de ideas que faciliten a conformación de futuros proxectos en torno a unhas temáticas relacionadas coa dixitalización 4.0.

Nos obradoiros participaron empresas do audiovisual como as socias Aba Films, Adiviña Producións,  Cinfo, CTV, Mondotropo ou Producciones Audiovisuales Setemedia, así como posibles provedores tecnolóxicos cos que poder poñer en marcha estas iniciativas, como Anubía Soluciones en la nube ou Torusware, entre outros.