Cluster Audiovisual Galego

O Clúster Audiovisual Galego presenta en Santiago a súa revista "Díxome Díxome" ao sector

24-10-2018

O Clúster Audiovisual Galego presentou a súa nova revista “Díxome Díxome” nun acto celebrado esta martes, día 23, no mercado La Galiciana, en Santiago, que reuniu a numerosos representantes do sector cultural e audiovisual. A publicación servirá de escaparate para amosar toda a creatividade e o potencial artístico e técnico das producións galegas e promoverá o seu consumo entre o público.  

Os encargados de presentar este novo proxecto editorial por parte do Clúster Audiovisual Galego foron o seu presidente, Jorge Algora, e o vicepresidente e responsable de Estratexias de Comunicación, Miguel Conde, que estiveron acompañados da editora da revista, Mar Delgado

Durante a súa intervención, Jorge Algora, quen abriu o acto, presentou a revista como un proxecto común para todo o audiovisual e puxo de manifesto a importancia de contar cun espazo propio que dea cabida a todo o audiovisual galego. 

Pola súa banda, Miguel Conde amosouse convencido da importancia deste proxecto editorial que nace grazas ao empeño do Clúster Audiovisual Galego. “Isto vai de mans”, dixo. “Temos que axudar a que se consolide o audiovisual galego, que xa ten moito prestixio, e “Díxome Díxome” nace desa idea”. Cremos, así mesmo, que un formato en papel, ademais de dixital, pode axudar a que se coñeza moito máis o que facemos”. A revista contará tamén o que se está cociñando, proxectos como unha rodaxe, que poden ter interese para o público, indicou.  Conde tamén explicou que “a revista será a bandeira que nos una, que una a todo o sector, para lograr que se consuma máis audiovisual galego”. 

Para Mar Delgado “a revista é unha ferramenta magnífica para dar visibilidade ao Clúster entre os socios e entre os provedores. Esta publicación é un valor engadido que non só potencia a comunicación entre o sector, tamén abre unha ventá para que a sociedade en xeral coñeza mellor o mundo audiovisual galego". 

Mar Delgado explicou, ademais, que a revista nace con vocación de ser unha publicación que reflicta o traballo do sector, os proxectos presentes e futuros, e tamén de ofrecerlle ao lector información útil. "Quere ser o mellor dos escaparates a través dun deseño innovador, moi coidado e con gran presenza da imaxe"

O nacemento desta revista estivo arroupado por un bo número de profesionais do audiovisual galego, entre os que se encontraban produtores, directores e realizadores así como representantes de asociacións sectoriais. O evento tamén contou coa presenza de rostros coñecidos da nosa pantalla como as actrices galegas Estíbaliz Veiga, Iria Lamas, Carmen Méndez ou Mayka Braña que non se quixeron perder o evento. 

Sobre “Díxome Díxome” 

Con esta nova publicación, o audiovisual galego conta desde o verán cun novo espazo informativo onde amosar todo o potencial do sector e dos seus profesionais. Ademais, o Clúster ten agora un lugar propio con contidos moi diversos pensados para poñer en valor a industria e onde haberá espazo para todos os profesionais, tanto os que están diante como detrás dos focos.

 A revista, de periodicidade trimestral, ten seccións moi diversas conformando un espazo editorial máis amplo para darlle visibilidade aos proxectos e creacións dos profesionais que desenvolven o seu traballo en Galicia. Nela teñen cabida contidos diversos como a información, a formación ou a innovación, converténdose nun espazo informativo e de entretemento, pero tamén en mesa de debate recollendo os temas de actualidade que afectan ao audiovisual. 

“Díxome Díxome”, que sacará o seu segundo número este outono, aspira a converterse nun reflexo de todo o que está a acontecer no sector. O primeiro número está dispoñible na súa versión online na páxina web do Clúster Audiovisual Galego no seguinte enlace: http://clusteraudiovisualgalego.com/Dixome-01_/