Cluster Audiovisual Galego

Comeza a rodaxe da segunda tempada de “Benvinguts a la familia”, producida por Filmax para TV3

03-10-2018

Esta semana comezou a rodaxe da segunda tempada da serie “Benvinguts a la familia”, a comedia de aventuras con tintes de misterio e intriga producida por Filmax, creada por Pau Freixas e Iván Mercadé e dirixida por Paco Caballero, Alejandro Marzoa e Marc Crehuet, que TV3 ten previsto estrear en 2019.

A primeira tempada da serie estreouse o 22 de xaneiro con 777.000 espectadores e unha cota do 25,8%. Con estas cifras converteuse na mellor estrea dunha ficción en TV3 nos últimos dez anos. Durante os 13 capítulos da primeira tempada a serie liderou a franxa cunha media de 483.000 espectadores e un 16,5% de cota. Ademais, na análise cualitativa a serie está valorada cun 7,8 polo panel GfK.

O pasado 27 de xullo Netflix estreou a serie en todo o mundo, que se pode ver tanto en versión orixinal subtitulada en varios idiomas, entre eles o español, como en versión dobrada ao español.

Na segunda tempada, a Ángela, interpretada pola actriz Melani Olivares, e a toda a súa familia agárdanlles máis sorpresas porque nesta nova entrega de capítulos a historia da familia Navarro chega marcada polo retorno de Manu, o exmarido de Ángela, pai á fuga  irmán de Nando, unha figura totalmente ausente desde hai dez anos. Este reencontro porá a proba a unidade familiar, que terá que comprobar se realmente o sangue é o vínculo indestrutible, se a familia é o lugar onde sempre podes volver ou se todo o mundo se merece unha segunda oportunidade. Yolanda Ramos e Ivan Massagué completan o reparto principal de actores, xunto con Olivares.