Cluster Audiovisual Galego

Santiago acolleu a preestrea de “O sabor das margaridas”, intenso thriller policial producido por CTV para a Televisión de Galicia

02-10-2018

O auditorio Abanca de Santiago de Compostela acolleu onte a preestrea da nova serie da Televisión de Galicia para a noite dos mércores, producida pola socia CTV, “O Sabor das Margaridas”. O equipo técnico e artístico desta ficción e numerosos rostros coñecidos da TVG déronse cita onte pola tarde nun evento que tamén contou coa presenza do conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e de representantes do sector cultural e audiovisual galego e de institucións como o Clúster do Audiovisual Galego, a Academia Galega do Audiovisual e a Asociación de Actores e Actrices de Galicia.

O acto foi retransmitido en directo pola CRTVG a través de Facebook Live!, Youtube e a web da Corporación. Esta nova aposta da TVG, que se estreará o 3 de outubro, é unha coprodución coa socia CTV, que presenta un thriller policial de seis episodios con localizacións exteriores en Abegondo, A Estrada, Vedra, Santiago e Teo.

Dirixida por Miguel Conde (“Serramoura”, “Seis irmás” e “Baixo sospeita”), a serie ten como protagonistas os actores Nerea Barros, María Mera, Ricardo de Barreiro e Tony Salgado.

“O Sabor das Margaridas” ten lugar en 2010, en vésperas da chegada do Papa Bieito XVI a Santiago de Compostela, nunha illada vila do interior de Galicia, onde unha espesa atmosfera gris impregna as súas rúas dun incómodo silencio, outorgando un halo de sospeita a cada un dos seus habitantes. É un intenso thriller cheo de sorpresas, onde o secuestro de Marta Labrada dá pé a unha historia de vinganza en que misterio e suspense conducen o espectador por este pequeno lugar cheo de segredos.

A serie comeza coa chegada á vila da axente da policía xudicial da Garda Civil Rosa Vargas, unha muller forte, con recursos e que arrastra un pasado traumático, para investigar a desaparición desta moza conflitiva e sen familia, á que ninguén parece interesado en buscar. Nas súas pescudas contará coa colaboración de dous axentes locais, cos que a relación non sempre será doada. O que parece un caso sinxelo vai complicarse e volverse máis escuro e perigoso cando a investigación da desaparición de Marta vaia sacando á luz outros segredos, misterios, asasinatos, chantaxes, drogas, prostitución… que ata ese intre permaneceran ocultos na vila “onde nunca pasa nada”.

Foto: CRTVG