Cluster Audiovisual Galego

Máis de 15 canles de televisión, distribuídoras e produtoras  xa confirmaron que estarán no "I+P Ideas para producir" 2018

25-09-2018

“I+P Ideas para producir” xa ten confirmada, ata o momento, a participación de máis de 15 canles de televisións, distribuidoras e produtoras de toda España, na busca de novas ideas e produtos audiovisuais, neste foro que terá lugar os días 20 e 21 de novembro en Pontevedra. Organizado polo Clúster Audiovisual Galego o Pitching mantén aberto o prazo para a inscrición de proxectos ata o vindeiro 8 de outubro

A xornada de presentación de proxectos audiovisuais e encontros one-to-one ( que se celebrará o 21 de novembro) reunirá en Galicia a directivos de grupos de televisión nacionais como Fernando López Puig, director de Cine e Ficción de TVE; Jorge Tuca, director de Desenvolvemento de Proxectos de Telecinco Cinema; Beatriz Herzog, delegada de Contidos de Ficción de Atresmedia; Rosa Pérez, produtora de Atresmedia Cine; María José Rodríguez, xerente de Contidos #0 e de Produción Propia - Movistar+, ou responsables do departamento de Programas de Ficción de Mediaset España e da Área de Contidos do Grupo Euskaltel, entre outros. Tamén asistirán executivos de canles autonómicas como o xefe de Ficción e Cine de TV3, Oriol Sala-Patau; o responsable de Ficción de Televisión da EITB, Josu Bilbao; e directivos dos departamentos de Contidos das televisións de Asturias (RTPA) e de Galicia (TVG). 

O “I+P Ideas para producir” contará ademais coa participación de Carlos Fernández, CEO de Filmax (El Autor100 MetrosTruman[REC]Sé quién eres, Pulseras Rojas); César Benítez, fundador de Plano a Plano (Allí Abajo, El Príncipe, El Caso); Cristian Caggiano, responsable de Vendas de DeAPlaneta (La llamadaLos hombres libres de JonesEl Club de los IncomprendidosLa Verdad), e Manuel Monzón, produtor executivo de A Contracorriente Films (RevengeLa LibreríaSpain in a DayTecho y comida). 

Este ano tamén asistirán ao I+P os responsables dos departamentos de Ficción das produtoras Sr. Mono, César Rodríguez, e Boomerang TV (Presunto culpableEl Incidente, Mar de PlásticoEl Secreto de Puente ViejoLa Voz), Josep Cister e María Fernández, entre outros. 

Colaboración con Filmarket Hub 

A plataforma online de proxectos cinematográficos Filmarket Hub colabora por segundo ano consecutivo co “I+P Ideas para producir” apoiando os traballos que se presenten no foro. De xeito que os proxectos de cine e de ficción para televisión participantes na 12ª edición do pitching gozarán dun ano de inscrición gratuíta no mercado online da plataforma, onde poderán potenciar a súa visibilidade e conectar con toda unha rede de produtores e empresas de Europa e Latinoamérica. 

Inscricións no foro 

As empresas e os profesionais do audiovisual interesados en participar nesta xornada poden inscribirse ata o día 8 de outubro. Para elo teñen que enviar o formulario que encontrarán na páxina web do Clúster (www.clusteraudiovisualgalego.com) a comunicacion@clag.es. A partir do día 30 de outubro a organización comunicará aos seus responsables os proxectos seleccionados para participar no pitching. 

Neste 2018 o “I+P Ideas para Producir” conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), e do Concello de Pontevedra. Coa colaboración das asociacións CREA e AGAG e da plataforma Filmarket Hub, e co patrocinio de Gadisa e a compañía Music Library & SFX.