Cluster Audiovisual Galego

Nace "Díxome, Díxome", a revista do Clúster Audiovisual Galego

30-07-2018

O audiovisual galego conta desde este mes de xullo cun novo espazo informativo onde amosar todo o potencial do sector e dos seus profesionais. A revista “Díxome, Díxome”, unha publicación do Clúster Audiovisual Galego, que nace co obxectivo de contribuír a que se consuma máis audiovisual feito en Galicia. 

O Clúster ten agora un lugar propio con contidos moi diversos pensados para poñer en valor ao sector e onde haberá espazo para todos os profesionais, para os que están diante e tamén detrás dos focos. 

A publicación ten periodicidade trimestral e conta con seccións moi diversas conformando un espazo editorial máis amplo para darlle visibilidade aos proxectos e creacións dos profesionais que desenvolven o seu traballo en Galicia. Na revista teñen cabida a información, a formación, a innovación… converténdose nun espazo informativo e de entretemento, pero tamén en taboleiro, axenda, plataforma e mesa de debate. 

“Díxome, Díxome” aspira a converterse nun reflexo de todo o que está a acontecer no sector, recollido nunha publicación que coida o deseño e a maquetación, e onde a fotografía goza dun gran protagonismo. 

O Clúster Audiovisual Galego é unha alianza empresarial, integrada por máis de 30 compañías que interveñen en toda a cadea de produción. O Clúster promove sinerxías, xera negocios, é clave para a innovación e fixa obxectivos comúns para impulsar o desenvolvemento dos seus asociados. E agora dá un paso máis con este novo proxecto editorial.

Ver "Díxome, Díxome" Nº 1