Cluster Audiovisual Galego

Mamen Quintas, xerente de Ficción Producciones, recibe o Premio Muller Empresaria 2018

11-07-2018

Mamen Quintas, socia do Clúster e xerente de Ficción Producciones, foi seleccionada pola súa traxectoria profesional e empresarial como a gañadora en Galicia do Premio Muller Empresaria 2018, impulsado por CaixaBank. O galardón, que se consolida a nivel nacional, ten como obxectivo contribuír a dar visibilidade ás líderes femininas do mundo corporativo.

Un xurado integrado por directivos territoriais de CaixaBank en Galicia escolleu a candidatura da gañadora na fase territorial deste premio despois de identificar e valorar diferentes propostas.

Para, Mamen Quintas, cofundadora de Ficción Producciones, opina que “é unha absoluta honra ter sido proposta por CaixaBank, entidade que nos acompañou desde os nosos comezos, para un premio que aposta por mulleres comprometidas empresarialmente e co xénero”. “Estes premios”, engade, “son unha magnífica oportunidade de dar visibilidade ás mulleres que apostamos pola igualdade”.

Ficción Producciones, produtora audiovisual con dezaseis anos de traxectoria, é responsable, entre outras, de series como “Hospital Real” ou “Códice”, ademais estase a ocupar dos servizos de produción de “Vivir sin permiso”. No seu catálogo tamén figura a longametraxe de animación “Meñique”.

Pola súa parte, Emilio Barreiro, director territorial de CaixaBank en Galicia, comenta que “o compromiso social, que é un dos valores principais da entidade, permítenos contribuír ao desenvolvemento dunha sociedade máis xusta e con máis igualdade de oportunidades. Por este motivo, impulsamos políticas e medidas que contribúan á igualdade de oportunidades e á diversidade, como, por exemplo, este Premio Muller Empresaria de CaixaBank”.

Trala fase territorial, un xurado formado polo comité de Diversidade de CaixaBank, composto por directivos membros do comité de dirección e polos líderes dos proxectos de diversidade, escollerá entre as 14 gañadoras territoriais á representante española nos premios IWEC Awards 2018. O acto celebrarase en Shanghái o vindeiro 9 de setembro, xunto a outras 219 empresarias procedentes de 39 países.