Cluster Audiovisual Galego

“Trote”, dirixida por Xacio Baño e producida por Frida Films, debuta no Festival de Cine de San Sebastián

10-07-2018

“Trote”, a primeira longametraxe do realizador Xacio Baño e producida pola socia Frida Films, será tamén a primeira película de longa duración filmada integramente en lingua galega a competición no Festival de Cine de San Sebastián.

Baño vén de comezar a rodar en Negreira o seu salto á longametraxe logo dunha exitosa carreira como curtametraxista. “Trote” rodarase tanto neste municipio como en Moraña. Os días 15 e 16 de xullo a rodaxe visitará a rapa das bestas de Amil.

O filme conta cun equipo técnico completamente galego e un elenco de intérpretes encabezado pola actriz María Vázquez e no que se integran Celso Bugallo, Tamara Canosa, Diego Anido e Fede Pérez.

“Trote” é unha película producida pola galega Frida Films, responsable de títulos como “María” (y los demás)”, que aínda acumula distincións no circuíto de premios e festivais, e conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación de Pontevedra e coa participación de Televisión de Galicia.

A nova película de Baño foi seleccionada para participar no prestixioso programa de residencias Ikusmira Berriak promovido polo Festival de San Sebastián e que busca impulsar a creación audiovisual en todas as súas fases. Como parte desta colaboración, o festival donostiarra garante a selección da película en sección competitiva unha vez finalizada, o que converterá “Trote” na primeira película rodada en galego a concurso no Festival Internacional de Cine de San Sebastián.