Cluster Audiovisual Galego

O audiovisual galego reúnese con representantes da industria dos contidos dixitais de Reino Unido e EE.UU.

09-07-2018

Co obxectivo de apoiar a creación de proxectos innovadores e ao sector dos contidos dixitais en Galicia e de fomentar a súa internacionalización, o Clúster Audiovisual Galego celebrou o pasado xoves, na Coruña, un encontro de networking entre compañías do audiovisual galego e representantes de empresas británicas e estadounidenses de primeiro nivel do sector da animación e os novos media. 

Esta actividade tivo lugar dentro dunha nova misión comercial inversa do Clúster, nesta ocasión, con delegacións de empresas do Reino Unido e dos Estados Unidos do sector da animación e dos novos media, celebrada no marco da 17ª edición do Congreso Internacional Mundos Digitales, que congregou, do 5 ao 7 de xullo na Coruña, a máis dun milleiro de profesionais do sector da animación, dos efectos especiais e dos videoxogos. 

A iniciativa serviu para poñer en contacto a compañías galegas do audiovisual como Adivina Producciones, Audiovisual de Servicios Kairos, Ficción Producciones, Gato Salvaje e Ilux Visual Technologies coa delegación empresarial, compartir experiencias e encontrar puntos de encontro empresariais que desemboquen en novos proxectos. Por parte da delegación británica e estadounidense participaron na xuntanza Carlos Baena, de Animation Mentor; Nacho Thomas Tejedor e Ismael Alabado, de  Double Negative; Scott Murnan, de NVIDIA; Rajesh Sharma, de Disney Animation Studios, e Juan Cañada, de Epic Games. 

Esta acción, realizada dentro do Programa Galicia Exporta Organismos Intermedios, co apoio financeiro de Igape, Xunta de Galicia e UE, pon de manifesto, nunha ocasión máis, a decidida aposta que está a realizar o Clúster Audiovisual Galego polos contidos dixitais e por contribuír a que este sexa un sector máis forte e competitivo. Un dos obxectivos principais do Plan DICO Mindset, elaborado pola Amtega, e co que tamén colaboramos xunto ao Clúster TIC Galicia e os axentes do sector.