Cluster Audiovisual Galego

Portocabo anuncia a rodaxe da serie infantil “Miracle Tunes”

26-06-2018

A socia Portocabo anunciou no marco de Conecta FICTION o inicio da rodaxe da serie infantil de imaxe real “Miracle Tunes”, unha adaptación para Europa da exitosa serie xaponesa do mesmo título.

Tras conseguir un espectacular éxito de audiencia tanto en Xapón como no resto do mercado asiático, no marco da segunda edición de Conecta FICTION, cerráronse os últimos detalles desta produción. Polo que Portocabo embárcase nunha nova coprodución internacional xunto con ShowLab (Italia), Blasteem (Italia), Mediaset (Italia), Kamca Group (Suiza) e Giochi Preziosi (Italia).

A serie é unha produción de 51 capítulos divididos en dúas temporadas e rodarase en inglés. As cinco protagonistas foron elixidas mediante un casting aberto entre miles de mozas participantes. A elixidas interpretan ás compoñentes da banda as Miracle Miracles, unhas cantantes-guerreiras defensoras do ben. Unha ficción que  combina música, baile, estética futurista e empoderamento. Nun momento no que a produción de ficción atravesa fronteiras, chega esta serie que se suma á crecente liña de ficción live action para público infantil.

Rodarase integramente na cidade de Valencia e cun equipo técnico e artístico integrado por italianos e españois. Contará coa colaboración da empresa local Mediterráneo Media. Os decorados estanse construíndo na Feira de Mostras de Valencia, e tamén se rodará en exteriores e interiores naturais en distintas zonas da cidade.

“Miracle Tunes” comezará a emitirse en Italia a finais de ano, e en 2019 continuará a súa difusión noutros territorios actualmente en negociación (España, Francia, Portugal, Alemaña, Reino Unido, etc).

Esta serie vén a confirmar a estratexia de internacionalización iniciada por Portocabo con outras producións de éxito como “The Avatars” para RAI e Disney Italy, “Vidago Palace” para TVG e RTP ou “Hierro” para Movistar e Arte (actualmente en rodaxe).