Cluster Audiovisual Galego

II Concurso De Podcasts - Radio Na Biblio unha iniciativa da Consellería de Educación en colaboración coa Radio Galega

14-02-2020

Tras a boa acollida da primeira edición, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Xunta de Galicia fixo pública este xoves, coincidindo co Día Mundial da Radio, a convocatoria do II Concurso de Podcasts - Radio na Biblio, que conta coa colaboración da Radio Galega e que está destinado aos centros públicos non universitarios integrados no programa Radio na Biblio. Tamén poderán participar outros centros de titularidade da Consellería de Educación que traballan coa radio como ferramenta pedagóxica.

Esta proposta está vinculada á celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano ao filólogo e escritor Ricardo Carvalho Calero, polo que as temáticas dos podcasts, nas catro modalidades previstas (Infantil e 1º e 2º de Primaria, de 3º a 6º de Primaria, Secundaria e Bacharelato), deberán tratar sobre o patrimonio lingüístico galego ou estaren dedicados a estimular a lectura de dous dos xéneros presentes, entre outros, na obra deste autor: a poesía e/ou o teatro

O obxectivo desta iniciativa é a elaboración de produtos radiofónicos enfocados a salientar a riqueza do patrimonio lingüístico galego, especialmente vinculado ao medio xeográfico, cultural e humano máis próximo ao centro, así como estimular a lectura de poesía e teatro galegos. O prazo para a presentación dos traballos remata o 25 de abril.

O arquivo sonoro, que deberá ser presentado en formato mp3 ou wav, pode ser unha entrevista, unha cuña publicitaria, un noticiario, un faladoiro, un debate ou un programa radiofónico, sempre realizados en lingua galega. Os centros educativos poderán concursar enviando un máximo de tres podcasts, cunha duración mínima de tres minutos e máxima de cinco. 

Os centros seleccionados nas distintas modalidades recibirán unha asignación extraordinaria de 1.000 € para melloras no laboratorio ou emisora de radio ou para actividades relacionadas co seu funcionamento. Así mesmo, poderán visitar as instalacións da Radio Galega, que, ademais, emitirá os traballos premiados. Á súa vez, serán difundidos a través da páxina web da emisora pública, da canle dixital do ‘Diario Cultural’ e dos medios web da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Ademais, realizaranse entrevistas aos gañadores na programación especial da RG con motivo do Día das Letras Galegas.

Máis información no Portal da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional