Cluster Audiovisual Galego

'Lúa Vermella', de Lois Patiño, estréase na Berlinale

12-02-2020

O director Lois Patiño presenta a súa segunda longametraxe, Lúa Vermella, na 70ª edición do Festival Internacional de Cinema de Berlín (Berlinale), dentro da sección Forum. A mostra terá lugar de 20 de febreiro a 1 de marzo, na primeira visita do director e da produtora coruñesa Zeitun Films ao festival.

Lúa Vermella será unhas das 28 estreas mundiais que inclúe o programa do Forum. Este ano a tradición será "de particular importancia", declaran desde a organización, pois a sección independente, a cargo do Instituto Arsenal de Cinema e Videoarte, celebra o 50 aniversario.

A segunda longametraxe de Patiño chega tras a celebrada opera prima Costa da Morte (2013), na que o director xa traballara con Zeitum, que neste caso une forzas coa produtora Amanita Studio. A rodaxe transcorreu entre a comarca de Lemos e a Costa da Morte. O filme, antes titulado Tempo Vertical, foi subvencionado pola Agadic. 

No 50 aniversario da sección Forum
A Berlinale do 2020 vén marcada por novas caras no comité de selección do Forum, con Cristina Nord á cabeza. A reflexión sobre o propio medio fílmico conforma o fío da escolma. El tango del viudo y su espejo deformante, de Raúl Ruiz e Valeria Sarmiento, abrirá unha sección na que Patiño partillará espazo con directoras como Clarissa Thieme, Radu Jude ou Jonathan Perel.