Cluster Audiovisual Galego

Finalistas dos XVIII Premios Mestre Mateo

10-02-2020

Esta mañá o Teatro Colón da Coruña acolleu o esperado anuncio dos proxectos e profesionais finalistas nos XVIII Premios Mestre Mateo, nun acto conducido pola actriz Tamara Canosa e o comunicador Rodrigo Vázquez.

A primeira rolda de votacións na carreira polos premios sitúa esta edición como unha das máis igualadas dos últimos anos, dando fe da boa saúde da que goza o audiovisual galego. Nesta ocasión, a serie Hierro, da nosa socia Portocabo é a produción de televisión a que conta cun maior número de candidaturas: suma un total de 16, seguida de preto polas longametraxes Quen a ferro mata con 15 e O que arde con 12. As tres competirán polas estatuíñas que premian a Mellor Dirección, Guión, Fotografía, intérpretes protagonistas, Maquillaxe e Perruquería, Dirección de Arte e Dirección de Produción, Montaxe, Son e Vestiario.

A unha certa distancia sitúanse a longametraxe Eroski Paraíso e serie A estiba. A adaptación para a pantalla cinematográfica do éxito teatral da compañía Chévere acada 7 candidaturas, mentres que o thriller policial da nosa socia Voz Audiovisual para a TVG obtén 6.

Seguindo coas producións presentadas este ano, dos 18 documentais candidatos, os catro que chegaron a finalistas  dan conta da diversidade de historias e narrativas que conviven neste formato: ciencia (El futuro de la mente de Agallas Films e Somadrome), biográfico (Manoliño Nguema de Filmika Galaica), loita social (Noite Irisada de Taller de Insomnios e Recunchos de Anma) e historia (O reino suevo de Galicia de La Región).

As gañadoras daránse a coñecer na Gala que se celebrará o vindeiro sábado 7 de marzo no Pazo da Ópera da Coruña, presentada por Patricia Vázquez. A popular actriz compostelá será a anfitrioa dunha noite na que se fará un repaso ao mellor da produción audiovisual galega do último ano, recoñecendo ás mellores obras e profesionais candidatas en 25 categorías.

Pódese consultar a listaxe completa de nominados nesta ligazón.