Cluster Audiovisual Galego

A película ‘A Galiña Turuleca’ chega, en galego, aos hospitais de Galicia

14-01-2020

Nenos e nenas ingresados en centros hospitalarios das sete cidades galegas gozarán entre os días 13 e 21 de xaneiro a iniciativa da Fundación Andrea e coa colaboración da Xunta de Galicia e a nosa socia Filmax proxectarase a película, en V.O. Galego A Galiña Turuleca, que chegará aos hospitais das sete cidades galegas para que os nenos e nenas ingresadas poidan desfrutar das aventuras desta galiña tan singular.

Tere Santamaría e Luís Iglesia póñenlle voz á galiña Turuleca e ao malvado Armando Tramas na versión en galego deste filme de animación, unha aventura chea de humor, cunha mensaxe de superación para nenos, nenas e pais. A Galiña Turuleca conta a historia de como un ser diferente atopa o seu lugar no mundo e, a partir do seu talento persoal e único, consegue vencer os seus medos para comezar unha aventura que lle permite reencontrarse cos seres que ama.

A película tivo a súa preestrea mundial no Festival Internacional de Cinema de San Sebastián o 21 de setembro. A Première solidaria en España realizouse o pasado 19 de decembro no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, nunha sesión especial ofrecida a máis dun milleiro de cativos e cativas de toda Galicia, previa á súa estrea en cinemas o 1 de xaneiro.

O obxectivo desta acción é poder achegar a maxia do cinema e irromper na rutina dos nenos e nenas hospitalizados cunhas horas de ilusión e entretemento en que, xunto aos seus pais, poidan gozar en familia desta preciosa experiencia. Ao final da proxección faráselles entrega dalgúns obxectos de merchandising realizados expresamente para a ocasión e tamén poderán facerse fotos coas figuras a tamaño real dos personaxes da película.

- Hospital Provincial de Pontevedra: 13 de xaneiro ás 16.00 h. 
- Hospital Clínico de Santiago: 14 de xaneiro ás 17.30 h.
- Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol: 15 de xaneiro ás 11.30 h.
- Hospital Lucus Augusti de Lugo: 16 de xaneiro ás 16.30 h. 
- Hospital Universitario de Ourense: 17 de xaneiro ás 11.00 h.
- Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo: 20 de xaneiro ás 18.00 h.
- Hospital Materno Infantil da Coruña: 21 de xaneiro ás 12.00 h.