Cluster Audiovisual Galego

O novo talento do  audiovisual galego preséntase ante a industria galega na 3ª Edición de Pitching TFG 2019


16-12-2019

Santiago de Compostela acolleu o pasado venres 13, a 3ª edición do Pitching TFG (Traballos Fin de Grao), organizada polo Clúster Audiovisual Galego, en colaboración coa Universidade de Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela, a través das facultades de Comunicación Audiovisual. Durante a xornada presentáronse 7 proxectos diante de diversas empresas do sector audiovisual. 

A apertura deste foro, celebrado, co apoio do Igape, na Fundación Sgae de Santiago de Compostela, correu a cargo do presidente do Clúster Audiovisual Galego, Jorge Algora que puxo en valor a importancia de manter un contacto entre o sector universitario en empresarial no eido da industria audiovisual.

Esta xornada busca poñer en valor o novo talento audiovisual e conectalo co tecido empresarial galego. Ao igual que na edición anterior, os responsables dos proxectos tiveron a oportunidade de testar os seus traballos co sector e puideron coñecer as valoracións dos produtores respecto dos mesmos. 

Entre os proxectos seleccionados, en diferentes fases de desenvolvemento, había diversos formatos audiovisuais: series, spots publicitarios, curtametraxes de animación, e tamén outros máis enfocados no campo dos videoxogos e podcast.

Os proxectos da Universidade de Santiago de Compostela presentados o pasado venres foron “Ánima”, de Alba Naseiro e Alejandro Montes; “O Camiño de Plannherbattes”, de Andrés Piñeiro. Por parte da Universidade da Coruña expuxéronse os seguintes proxectos: “#Influenciados”, de Aitor Muñoz, Ana Mª San Miguel, Paula Seoane e Atenea Riveiro; “Ciudadela”, de Sara Lorenzo, Eva Melle, Andrea Rey e Mª Alejandra Rodríguez; “Odal”, de Carla Bolaños, Fabián Farías e Carla de la Torre; “Siempre Visible, Nunca Invisible”, de Juán Álvarez, Miguel Rodríguez e Christian Zas e "Kiku" de Irene Salas e Aldara López.

No pitching, os responsables dos traballos contaron con 8 minutos para intentar captar o interese do auditorio, conformado por representantes dalgunhas das empresas máis destacadas dos sectores audiovisual galego, como Adiviña ProduciónsCongo ProduccionesFicción ProduccionesFilmaxMelgo Cinema e a CRTVG

Tras as presentacións os participantes tiveron a oportunidade de ter un speed dating, un espazo de tempo para falar con cada unha das empresas participantes. A través destas reunións facilitouse un contacto directo no que os mozos tiveron ocasión de aportar información adicional e os produtores puideron dar a súa opinión sobre o proxecto, ademais de fomentar a posible continuidade futura do contacto entre ambos. 

Trala rolda de presentacións, tamén se deron a coñecer os tres proxectos mellor valorados polas empresas, ao consideralos como os que terían unha maior viabilidade no mercado. Os títulos máis votados foron: “#Influenciados”, “Kiku”, e no terceiro lugar, ex aequo os proxectos “Siempre Visible, Nunca Invisible” e “Odal”.