Cluster Audiovisual Galego

O Pitching "I+P Ideas para Producir" na 4ª Edición de Novos Cinemas, Festival Internacional de Cinema de Pontevedra

12-12-2019

O Clúster Audiovisual Galego participa na cuarta edición de Novos Cinemas, Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, presentando o formato do Pitching “I+P Ideas para Producir” na Mesa de Desenvolvemento de Proxectos, unha das vías de encontro entre o sector profesional que o festival organiza na súa cuarta edición.

Na Mesa Desenvolvemento de Proxectos que tivo lugar este martes na Casa das Campás na cidade de Pontevedra, presentáronse algúns dos programas de desenvolvemento de longametraxes dirixidos a autores noveis máis interesantes do panorama independente nacional. Entre eles, a xerente do Clúster Audiovisual Galego, Mar Varela, presentou o Pitching “I+P Ideas para producir” xunto a Gemma Vidal como representante de La Incubadora e Pamela Biénzolas (Chile) en nome de Abycine Lanza. Un punto de encontro que tivo coma obxectivo dialogar sobre a importancia deste tipo de iniciativas de desenvolvemento de proxectos cinematográficos e a súa influencia para que estas obras cheguen a producirse.

Novos Cinemas, Festival Internacional de Cinema de Pontevedra é un certame cinematográfico orientado á detección, promoción e difusión do talento emerxente. A liña editorial do festival está consagrada a dar visibilidade, mediante a incorporación de dúas seccións competitivas (Sección Oficial e  Latexos), ás primeiras e segundas longametraxes dos e das cineastas noveis prestando especial atención á vangarda cinematográfica internacional. Este ano o festival celébrase do 10 ao 15 de decembro de 2019 na cidade de Pontevedra.