Cluster Audiovisual Galego

A CRTVG PRESENTARÁ EN CULTURGAL O NOVO PROGRAMA ‘UN PAÍS EN 360’ E INSTALARÁ UN ESTUDIO VIRTUAL DE INFORMATIVOS

29-11-2019

A Corporación Radio Televisión de Galicia, na súa vocación de servizo público, volve ter un sitio de seu este ano na Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, que se celebra no Pazo da Cultura de Pontevedra, entre o venres 29 de novembro e o domingo 1 de decembro.

No stand da CRTVG poderase vivir a experiencia de realidade virtual ‘Un país en 360’, o novo formato de Adivina Producciones para a CRTVG, un programa, gravado con cámaras 360, que utiliza a tecnoloxía para achegarlles aos espectadores o patrimonio natural e monumental de Galicia.
A súa estrea será en decembro no prime time da Televisión de Galicia. Presentado por Estíbaliz Espinosa, ‘Un país en 360’ descubrirá Galicia de forma inmersiva, porque o público vai estar no centro da acción.

Os visitantes de Culturgal poderán gozar esta fin de semana deste novo xeito de facer televisión, xa que, coa axuda de lentes de realidade virtual, estarán no centro dos representativos lugares que amosará o espazo da TVG, podendo mirar en todas as direccións. Tamén para ir abrindo boca ata a súa próxima estrea, xa están dispoñibles en Youtube os vídeos deste novo programa, para ver con lentes de realidade virtual ou sen elas.

Así mesmo, a CRTVG levará á feira o seu estudio virtual, coa instalación dun estudio Chroma-Key onde os visitantes terán a posibilidade de converterse por un intre en presentadores dun telexornal e verse reflectidos nunha pantalla de gran formato, nun decorado característico dun informativo da TVG. As gravacións poderán verse, nos vindeiros días, na páxina web da Corporación, www.crtvg.gal.


A Radio Galega, en directo desde Culturgal

A Radio Galega tamén estará presente no Pazo da Cultura de Pontevedra, desde onde se ofrecerá o venres en directo o programa ‘Diario Cultural’. De 17.00 a 18.00 h, o presentador Vituco Neira falará con membros da organización e co debuxante Kiko Da Silva, que presenta novo libro en Culturgal. Ademais, o programa ofrecerá un faladoiro entre representantes de pequenas editoriais para coñecer a situación do sector.

Xa o sábado, ás 17.30 h, a Radio Galega organiza en Culturgal un concerto para toda a familia, o do grupo interxeracional Deteriorados, integrado por xente nova e tamén xubilados. A súa proposta vai máis alá da música e céntrase nesa colaboración entre mozos e maiores.

Ademais, a Radio Galega emitirá en streaming a través do seu Facebook e a CRTVG en Youtube o concerto que ofrecerá este sábado Marful en Culturgal. Dentro da estratexia de innovación da radio pública galega, emitirase en directo o reencontro dos membros do grupo, que estarán acompañados neste evento cultural pola cantante de Operación Triunfo Sabela Ramil.

Tamén o sábado, ás 13.00 horas, presentarase a película participada pola CRTVG ‘María Soliña’, o novo proxecto de Ignacio Vilar, que reconstrúe a historia da viúva canguesa María Soliña, que foi acusada de bruxería pola Inquisición no ano 1621.