Cluster Audiovisual Galego

O Clúster Audiovisual Galego recibe ata o 4 de outubro proxectos para a 13ª edición do "I+P, Ideas para producir"

26-07-2019

Ata o 4 de outubro está aberto o prazo para inscribir proxectos audiovisuais na 13ª edición do pitching “I+P, Ideas para producir”, que organiza o Clúster Audiovisual Galego e que este ano terá lugar os días 19 e 20 de novembro en Pontevedra.

O “I+P, Ideas para Producir” ten como obxectivo reunir a produtores, guionistas e directores que teñan un proxecto de cine ou televisión, e que busquen alianzas empresariais de cara á súa coprodución, venda ou distribución, con directivos de canles de televisión, produtores executivos, distribuidores e responsables de vendas internacionais. O I+P converteuse nun formato de referencia para os profesionais do sector a nivel nacional, vendo incrementado cada ano o número de proxectos inscritos que desexan participar neste foro. 

Entre todos os traballos recibidos un comité de expertos seleccionará 15 proxectos de cine e televisión para realizar, o día 20 de novembro, un pitch diante de destacados axentes do sector audiovisual. A continuación celebraranse os encontros one to one entre os produtores e creadores dos traballos e os expertos que asistan este ano ao Pitching. 

Os produtores e creadores interesados en participar nesta nova edición do I+P poden rexistrar os seus traballos ata o día 4 de outubro enviando o formulario de inscrición a comunicacion@clag.es. O Clúster comunicará a partir do día 30 de outubro os proxectos seleccionados. 

Na súa 13ª edición o “I+P, Ideas para Producir” conta co apoio do Ministerio de Cultura y Deporte, da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), e do Concello de Pontevedra. E co patrocinio de Gadisa e Music Library & SFX, e a colaboración da asociación CREA, a plataforma Filmarket Hub, Galicia Calidade e a Pontevedra Film Commission. 

Colaboración CREA 

A Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA) e o “I+P, Ideas para producir” manteñen a súa colaboración na edición de 2019 do foro audiovisual co obxectivo de favorecer a participación dos membros de CREA no pitching cunhas condicións preferentes. 

Así, o proxecto dos socios de CREA mellor valorado polo Comité de Selección entre todos os inscritos no “I+P, Ideas para producir” terá acceso directo á xornada, gozando do mesmo desconto que os socios do Clúster Audiovisual Galego. No caso de haber máis proxectos de membros de CREA seleccionados para participar na xornada, a estes aplicaránselles as condicións xerais. 

Presenza dos proxectos do I+P no catálogo de Filmarket Hub 

A plataforma online Filmarket Hub renova tamén a súa colaboración co “I+P, Ideas para Producir”. De maneira que as longametraxes e series en desenvolvemento seleccionadas para participar na 13ª edición do foro se incluirán no catálogo de Filmarket Hub e gozarán dun ano de inscrición gratuíta no mercado online que opera no continente europeo e en Latinoamérica. Deste xeito os proxectos contarán cun ano máis de maior visibilidade e difusión, aumentando as súas posibilidades de encontrar posibles coprodutores ou compradores e podendo acceder a outras empresas ademais das que participen no pitching.


Convocatoria "I+P, Ideas para Producir" 2019

Formulario de inscrición "I+P, Ideas para producir" 2019