Cluster Audiovisual Galego

Bambú produce as películas “Un asunto privado”, para Amazon Prime Video, e “Malasaña 32”

23-07-2019

A socia Bambú Producciones está inmersa na produción de dúas novas longametraxes. A compañía fundada por Ramón Campos e Teresa Fernández-Valdés producirá “Un asunto privado” para Amazon Prime Video, e xa roda “Malasaña 32”, unha película de terror inspirada en feitos reais e dirixida polo director catalán Albert Pintó (“Matar a Dios”).

A responsable de Series orixinais de Amazon Prime Video en Europa, Georgia Brown, visitou Madrid para anunciar “Un asunto privado”, nova serie española da plataforma de streaming, así como máis detalles de “La templanza” e “El Cid”, dúas ficcións que están a punto de comezar a súa gravación. A compañía, que puxo en marcha o seu servizo de vídeo en España a finais de 2016, un ano despois de Netflix, está disposta a investir forte en produción local.

Así, Brown conseguiu por fin traballar con Bambú Producciones. “Hai sete anos, cando estaba en Shine, quedei fascinada por ‘Gran Hotel’” confesou antes de anunciar “Un asunto privado”, serie creada por Teresa Fernández-Valdés, Ramón Campos e Gema R. Neira. Segundo Brown, esta nova ficción ten todos os ingredientes para converterse na réplica europea de “The Marvelous Mrs. Maisel”, unha das series de Amazon máis laureadas e aplaudidas: “Os personaxes son moi atractivos, especialmente o feminino, ademais, a pesar de estar ambientada nos anos 40, trátase dunha historia moi contemporánea”.

“Un asunto privado” presenta á moza Marina Belloch, que non quere renunciar á súa vocación de ser policía malia a ser muller. Para investigar os asasinatos de varias prostitutas, Belloch encontrará no mordomo da familia o seu mellor cómplice, Héctor, un homosexual fiel, sensible a todo o que acontece ao seu arredor, fascinado por Marina. “Son dous personaxes que viven nunha época que non lles corresponde” asegurou Fernández-Valdés.

“Un asunto privado” promete moita acción, comedia, drama e algo de romance. Terá oito episodios dos que catro xa están listos e prevé comezar a súa gravación no último trimestre de 2019. Bambú Producciones e Amazon están buscando actores españois: “xuntaremos caras coñecidas con descoñecidas” dixo Fernández-Valdés.

Comeza a rodaxe de “Malasaña 32”

Ademais, Bambú Producciones comeza a rodaxe de “Malasaña 32”, unha película de terror inspirada en feitos reais e dirixida polo catalán Albert Pintó. O proxecto conta cun reparto coral encabezado por Begoña Vargas, Iván Marcos, Beatriz Segura, Sergio Castellanos, José Luís de Madariaga, Iván Renedo, Javier Botet, María Ballesteros e Rosa Álvarez, entre outros.

“Malasaña 32” trasládanos ao Madrid dos anos 70, onde unha familia se instala no madrileño barrio de Malasaña nunha casa que se converterá no peor dos seus pesadelos. Este é o punto de partida do proxecto que contará con Ramón Campos, Gema R. Neira, Salvador S. Molina e David Orea como guionistas do mesmo.

En palabras do produtor, Ramón Campos (“El caso Alcásser”, “Fariña”): “Estamos felices de iniciar a rodaxe de ‘Malasaña 32’, unha película de terror inspirada en feitos reais sucedidos en Madrid nos anos 70. Estamos seguros de que a todos os fans do xénero os entusiasmará esta historia dirixida por Albert Pintó, un dos novos directores con máis talento do noso país, e na que entre moitos outros participan David Martí e Montse Ribé, artífices dos efectos especiais de películas como ‘El orfanato’ ou ‘Mamá’”.

A película rodarase nas vindeiras semanas en diferentes localizacións de Madrid, incluíndo o coñecido e icónico barrio de Malasaña, que servirá de fondo desta terrorífica historia.

Sinopse: Manolo e Candela instálanse no madrileño barrio de Malasaña, xunto aos seus tres fillos e o avó Fermín. Atrás deixan a vila en busca da prosperidade que parece ofrecerlles a capital dun país que se encontra en plena transición. Pero hai algo que a familia Olmedo non sabe: na casa que compraron, non están sós…

“Malasaña 32” é unha produción de Mr. Fields and Friends, Atresmedia Cine, Warner Bros. Entertainment España, Bambú Producciones, Malasaña Movie AIE e 4Cats. Warner Bros Pictures será a encargada de distribuír a película en salas españolas.