Cluster Audiovisual Galego

“La gallina Turuleca”, de Producións A Fonsagrada e participada pola CRTVG, terá a súa preestrea mundial no 67 Festival de San Sebastián

22-07-2019

“La gallina Turuleca” salta á gran pantalla convertida nun personaxe de animación. A película, unha importante coprodución internacional entre España e Arxentina, terá a súa prestrea mundial no 67 Festival de Cine de San Sebastián, o próximo mes de setembro, nunha sesión especial no Velódromo ante milleiros de nenos.

A película de animación, que retoma ao personaxe da famosa canción infantil popularizada por Los payasos de la tele, chegará aos cines o 1 de xaneiro da man de Filmax. Víctor Monigote e Eduardo Gondell dirixen esta entrañable historia pensada para os máis pequenos sobre unha galiña cun aspecto peculiar e un don moi especial. “La Gallina Turuleca” conta a historia de como un ser diferente encontra o seu lugar no mundo e, a partir do seu talento persoal e único, logra vencer os seus medos para iniciar unha aventura que lle permite reencontrarse cos seres que ama.

O Velódromo de San Sebastián será o primeiro en gozar das aventuras de Turuleca, a quen dá vida Eva Hache, e que terá que versas cun vingativo malvado, Armando Tramas, interpretado por José Mota.

Con Juan Pablo Buscarini como produtor artístico, a cinta é unha produción hispano-arxentina de Tandem Films, Producións A Fonsagrada, Gloriamundi Producciones e Brown Films, en coprodución con Pampa Films, Argentina Sono Film, Mediabyte, In Post We Trust, Malditomaus, coa participación de RTVE e CRTVG.

Sinopse

Turuleca é unha galiña singular. O seu peculiar aspecto desata as burlas do resto do galiñeiro, ata que un día, Isabel, unha exprofesora de música, lévaa a vivir á súa granxa. Alí, feliz e en harmonía, a galiña descubre o seu gran talento oculto coa axuda de Isabel: Turuleca non só pode falar, senón que canta como xamais oíches cantar a unha galiña!