Cluster Audiovisual Galego

O Clúster Audiovisual impulsa a animación, a realidade virtual e os vfx entre o sector audiovisual galego

15-07-2019

Co obxectivo de apoiar a creación de proxectos innovadores e ao sector dos contidos dixitais en Galicia e de fomentar a súa internacionalización, o Clúster Audiovisual Galego celebrou o pasado venres, na Coruña, varios encontros de networking entre compañías do audiovisual galego e personalidades dos sectores da animación, da realidade virtual e dos vfx de recoñecido prestixio a nivel mundial. Ademais, o Clúster promove, coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia, unha acción para impulsar todos estes ámbitos na industria galega.

Os encontros profesionais tiveron lugar dentro dunha nova misión comercial inversa dos contidos dixitais do Clúster, nesta ocasión celebrada no marco da 18ª edición do Congreso Internacional Mundos Digitales, que congregou, do 11 ao 13 de xullo na cidade herculina, a numerosos profesionais do sector da animación, dos efectos especiais e dos videoxogos.

 A iniciativa serviu para poñer en contacto a compañías galegas do audiovisual como Adivina Producciones, Filmax ou Ilux Visual Technologies coa delegación empresarial, compartir experiencias e encontrar puntos de encontro empresariais que desemboquen en novos proxectos. Por parte da delegación internacional participaron Ian Mackinnon, de Mackinnon&Saunders; Jerome Denjean, de Blur; Raúl Carbó, de In Efecto; Ali Hamdam, de Karlab; Guillermo Arambulo, de Sony Pictures Animation; Pedro Dominguez, de Nu Boyana Portugal; Julio del Rio, de MPC; Mauro Frau, de Treehouseninja; Frank Vedvik, de The Future Group; Mike Seymour, de  FXGuide; Jordi Barés, de Framestore; Jesús Garrido, de ILM, e Josep Antoni Ribas, de MPC.

Esta acción, realizada dentro do Programa Galicia Exporta Organismos Intermedios, co apoio financeiro de Igape, Xunta de Galicia e UE, pon de manifesto, nunha ocasión máis, a decidida aposta que está a realizar o Clúster Audiovisual Galego polos contidos dixitais e por contribuír a que este sexa un sector máis forte e competitivo. 

Difusión das áreas dixitais 

Por outra banda, o Clúster Audiovisual Galego, en colaboración coa Agadic, impulsará os contidos dixitais, a animación, os efectos virtuais e os novos media entre os profesionais do sector audiovisual galego. Desta maneira, difundirá as principais conferencias e obradoiros da 18ª edición de Mundos Digitales, celebrada estes días na Coruña, entre empresas, profesionais, centros de formación e tecnolóxicos, así como outras entidades interesadas nestas temáticas, co obxectivo de dar pulo a todas estas actividades en Galicia.