Cluster Audiovisual Galego

José Luis Garci estreará "El crack cero" o próximo 11 de outubro

01-07-2019

Anova película de José Luis Garci, “El crack cero” chegará aos cines o 11 de outubro. Carlos Santos protagoniza a precuela da mítica “El Crack”, encarnando o papel dun mozo inspector Germán Areta, o personaxe que marcara un fito na carreira do xenial Alfredo Landa.  A historia, que narra os inicios daquela clásica axencia de investigación, permitiranos asistir tamén ao momento no que Areta ficha a El Moro, outrora interpretado por Miguel Rellán e ao que nesta ocasión dará vida Miguel Ángel Muñoz, cunha caracterización que nos levará lonxe da súa imaxe habitual.

O reparto complétase con Luisa Gavasa, como a sempre eficaz Moly, Pedro Casablanc, no papel do comisario de policía ao que todos chaman El Abuelo (personaxe encarnado no seu día polo grandísimo José Bódalo), a moza María Cantuel, como a delicada noiva de Areta, Patricia Vico, no papel da doente amante do xastre asasinado cuxa morte deberá resolver Areta, Raúl Mérida, Macarena Gómez, Cayetana Guillén-Cuervo, ou Luis Varela entre unha longa lista de eficaces e curtidos actores.

José Luis Garci completa a triloxía de "El crack" con este filme rodado en branco e negro e co que o gañador dun Oscar nos volve a levar aos baixos fondos do Madrid dos 70, retomando a historia do inspector Germán Areta: “Aínda que no 2012 tomei a decisión de non volver a dirixir nin escribir guión (…) de repente, ocorreume o que a Bond: never say never again.  O motivo da miña volta atrás foi unha longa conversa coa miña querida Maite Imaz, viúva de Areta, de Alfredo Landa Areta, que así se chamaba o meu amigo.  Maite –que lamentablemente tampouco está xa- animoume a cerrar a triloxía de Los Cracks.” – explica Garci sobre o porqué desta película. 

A historia, escrita polo propio Garci xunto a Javier Muñoz e filmada en branco e negro fiel ao estilo dos dous títulos anteriores, recrea unha Gran Vía completamente diferente á que podemos ver na actualidade. Rodada en Madrid o pasado inverno, a película conta con imaxes de arquivo que se integran na cinta como un todo acompañadas pola recoñecible banda sonora de Jesús Gluck, responsable da música de toda a triloxía. Producida como é habitual por Nickel Odeon, conta coa participación de TVE, Movistar + e Trece TV.

A cinta, que chegará aos cines o 11 de outubro da man de Filmax, presenta hoxe o seu cartel oficial, obra do coñecido ilustrador madrileño Miguel Navia, colaborador habitual da revista “Fiat Lux”, especializada no xénero negro, no que tamén se enclava a película. As súas ilustracións publicáronse en medios como “El País” ou en publicacións da editorial Planeta. O artista, que en 2011 publicou Gran Vía, recrea para este cartel a famosa avenida madrileña na que ten a súa sede Areta investigacións.

Sinopse

Seis meses despois do suicidio do afamado xastre Narciso Benavides, unha misteriosa e atractiva muller casada visita a Germán Areta, prestixioso ex policía da Brigada Criminal e agora detective privado, para que inicie unha investigación exhaustiva sobre o “Caso Benavides”. A muller está convencida de que o xastre, que ademais era o seu amante, foi asasinado. Aínda que o seu instinto lle di a Areta que a xente só mata por amor ou por cartos, irá descubrindo que hai máis motivos, e máis dun sospeitoso, para quitar de en medio ao xastre.