Cluster Audiovisual Galego

Comeza a gravación de “A Estiba”, nova serie de ficción de Voz Audiovisual para a TVG ambientada na Policía Nacional

27-06-2019

A socia Voz Audiovisual (“Matalobos”, “Serramoura”) comezou a gravación de “A Estiba”, nova serie de ficción para a Televisión de Galicia ambientada no traballo da Policía Nacional.

A serie, de 15 episodios, gravarase principalmente en interiores naturais e exteriores, de feito, “A Estiba” comeza coa chegada dun barco ao porto da cidade de Ardora con toda a tripulación morta. Cando os mellores oficiais de policía van a investigar o incidente, descobren que no porto goberna unha soa lei, a do silencio. Ardora é unha cidade próspera e de tamaño mediano, na que os seus habitantes viven a actividade comercial e industrial do seu porto, pero que, a cambio, conta coas taxas de criminalidade máis altas do país.

As primeiras escenas grávanse xa no porto da Coruña. Sada, Culleredo, Bergondo, A Coruña e Ferrol converteranse en localizacións para a serie.

TVG aposta por un novo thriller para o prime time que dirixirá Miguel Conde (“O sabor das margaridas”) e protagonizará Melania Cruz. Participan actores galegos como Luis Iglesia (“Matalobos”), comisario de policía a punto de retirarse; Ana Santos (“Padre Casares”) como a tenra Elsa; Adrián Castiñeiras (“Viradeira”) e Fernando Dacosta (Sarabela Teatro).

A estrea de “A Estiba” está prevista para a próxima temporada de outono-inverno.