Cluster Audiovisual Galego

A Xunta e Ficción Producciones preparan a rodaxe de “3Caminos”, a primeira serie de ficción internacional e transmedia sobre a Ruta Xacobea

27-06-2019

A Xunta e a produtora socia do Clúster Ficción Producciones presentaron este martes en Santiago de Compostela o inicio da produción de “3Caminos”, a primeira serie de ficción internacional e transmedia sobre a peregrinación no Camiño de Santiago que será coproducida por Amazon Prime Video e Beta Film.

A serie, dirixida polo ourensán Norberto López Amado e cuxa estrea está prevista para finais de 2020, contará a historia de cinco mozos de outros tantos países que pasan por diferentes etapas da súa vida e se encontran grazas a un fío condutor: o Camiño de Santiago.

O proxecto conta cun financiamento de máis de 1,5 millóns de euros da Xunta, a través da adxudicación dunha subvención específica da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para obras audiovisuais que difunden os valores do Camiño e a imaxe de Galicia de cara ao Xacobeo 21.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, xunto aos produtores executivos e autores da idea orixinal, Mamen Quintas e Julio Casal, presentou esta produción na terraza do Hostal dos Reis Católicos e na que tamén participaron o realizador galego Norberto López Amado, quen codirixirá a serie xunto ao alemán Gregor Schnitzler, así como os representantes dos dous importantes socios internacionais cos que xa conta o proxecto: Ricardo Carbonero, xefe de adquisición de contidos de Amazon Prime Vídeo en España, e Christian Gockel, vicepresidente executivo de vendas e adquisicións internacionais do grupo alemán Beta Film, un dos máis importantes en distribución e produción a nivel europeo.

Como explicou Román Rodríguez, ademais de Amazon Prime Video e Beta Film, “3Caminos” conta con coprodutores internacionais en Italia, Corea do Sur, México e Chile, países nos que está garantida a emisión desta serie a partir da súa estrea a finais de 2020 e acompañada de “potentes estratexias de comunicación e marketing”.

O conselleiro destacou que o proxecto, “ao igual que o Camiño de Santiago, mestura o local e o global e o persoal e o universal”, polo que agarda que sexa unha produción “de carácter mundial” que poida amosar “a transcendencia da ruta xacobea”.

Rodríguez agregou que “esta serie será unha inmmemorable plataforma de expansión para o talento galego, coa implicación de medio cento de profesionais do sector audiovisual”, entre os que figuran Manu Riveiro e Iván Ferreiro na banda sonora. De feito, tal e como garanten as bases das axudas das que foi adxudicataria esta proposta, máis do 110% do investimento que aporta a Xunta estará destinada á contratación de empresas, intérpretes e técnicos galegos, que neste caso formarán parte dun amplo equipo de traballo que rodará en seis idiomas (galego, español, inglés, francés, alemán e coreano) e en cinco países de tres continentes.

Pola súa parte, o xefe de adquisición de contidos de Amazon Prime Video en España, Ricardo Carbonero, destacou que “`3Caminos’ responde perfectamente á súa vontade de buscar o mellor contido local e internacional” e que a serie é “unha moi boa oportunidade para aproveitar o potencial do Camiño de Santiago para xerar boas historias”.

"Estaremos encantados de ver como en 2021 moitos peregrinos visitarán Santiago buscando experimentar esa viaxe que van formar os cinco protagonistas da serie", afirmou Carbonero en rolda de prensa.

A rodaxe, que empezará en novembro deste ano e durará arredor de oito meses, terá lugar nos diferentes países de orixe dos protagonistas como Alemaña, Corea do Sur, Francia, México e España, e ao longo do Camiño de Santiago, desde San Pied de Port ata Muxía, pasando por Santiago de Compostela. A banda sonora, composta por Manu Riveiro, será interpretada por Iván Ferreiro e Anni B Sweet e outros autores convidados.

Definida polos seus produtores executivos como unha serie feel good, trátase dunha historia de personaxes, nunha contorna preciosista e única, a través da que se buscan resaltar os valores e as bondades dunha ruta de peregrinación que une as culturas e as realidades máis diversas a través de camiñantes chegados de todo o mundo.

Ademais, “3Caminos” contará cunha gran campaña transmedia, elaborada especificamente por Fluor Lifestyle, recoñecida en 2018 como Mellor Axencia Independente de Innovación de España no Festival Iberoamericano de Creatividad y Estrategia. A súa implicación neste proxecto sumará esforzos na proxección exterior da imaxe de Galicia, o Camiño de Santiago e o Xacobeo 21.