Cluster Audiovisual Galego

Movistar+ estreará o 13 de setembro “En el corredor de la muerte”, nova ficción de Bambú

11-06-2019

A ficción “En el corredor de la muerte”, protagonizada por Miguel Ángel Silvestre, estrearase completa o 13 de setembro en Movistar+. A serie foi creada por Ramón Campos, Gema R. Neira e Diego Sotelo, de Bambú Producciones, está baseada no libro de Nacho Carretero, con quen xa traballaron xuntos anteriormente na ficción “Fariña”.

Céntrase no caso real de Pablo Ibar, o español-estadounidense declarado culpable dun triple asasinato que tivo lugar en Florida en 1994. No que foi o cuarto xuízo para Ibar, o xurado acadou o veredicto unánime dos seis cargos que pesaban na súa contra. Ibar foi condenado a cadea perpetua.

Esta fin de semana presentouse no Festival de Tudela Lo que viene o podcast de “En el corredor de la muerte”. Unha aproximación ao caso de Pablo Ibar e á serie, a través da investigación do xornalista Nacho Carretero. Os 4 primeiros capítulos estrearanse ao mesmo tempo que a serie. O quinto chegará un pouco máis tarde, xa que non estará tan pegado á serie e si máis centrado na actualidade do caso.

O podcast estrearase ao completo o 13 de setembro en Podium Podcast, coincidindo coa estrea da serie en Movistar+.

“En el corredor de la muerte” está coproducida con Studiocanal, que ademais asumirá a súa distribución internacional. Consta de 4 episodios de 50 minutos e está dirixida por Carlos Marques Marcet e producida por Domingo Corral, Ramón Campos, Diego Sotelo e Teresa Fernández-Valdés.