Cluster Audiovisual Galego

A Coruña acolle un encontro do Clúster entre o audiovisual galego e personalidades do cine independente internacional

11-06-2019

Produtores galegos  e recoñecidas personalidades do cine independente mantiveron, o venres 7 de xuño na Coruña, un encontro co obxectivo de promocionar esta modalidade de cine feito en Galicia a nivel internacional. A xuntanza promovida polo Clúster Audiovisual Galego tivo lugar no marco da décima edición da Mostra de Cinema Periférico (S8),  celebrada do 31 de maio ao 9 de xuño na cidade herculina.

Esta xuntanza enmárcase dentro da Misión empresarial inversa de cine independente, organizada polo Clúster dentro do Programa Galicia Exporta Organismos Intermedios, co apoio financeiro do Igape, Xunta de Galicia e UE, e serviu para poñer en contacto a compañías do audiovisual galego como Milana Bonita ou Laesponja coa delegación empresarial convidada.

Os membros da delegación que participaron no encontro foron Erwin van´t Hart (Países Baixos), programador do IFFR Festival Internacional de Cine de Rotterdam e membro do centro de distribución cinematográfica Filmbank; Naomi Uman (México), membro do LEC Centro de difusión, produción e educación do cine; Bill  Brand (Nueva York), fundador de BB Optics compañía especializada en postprodución e formatos de distribución; Federico Windhausen (Arxentina), académico e investigador de cine, e programador en festivais internacionais como o TIFF  Toronto, o BFI London Film Festival ou Oberhausen en Alemaña; Sanja Gbrin (Zagreb), membro de 25 FPS, plataforma para fomentar a internacionalización, produción e promoción do Cine Europeo. Tamén participou Rocío Mesa, que dirixe  a mostra L.A. OLA, Spanish Contemporary Cinema Showcase e nos últimos anos encargouse do departamento de vídeo da International Documentary Association e traballou no departamento de postprodución da New York Film Academy en Los Ángeles, ademais de ser fundadora da produtora audiovisual MY DEER Films.

Por outra banda,  dentro xa da programación do (S8), tanto o Clúster como os seus asociados tamén tiveron a oportunidade de participar no evento de networking celebrado o sábado 8, coa presenza de cineastas e artistas de primeiro nivel.