Cluster Audiovisual Galego

A TVG gaña o Premio Celtic Media Festival no apartado de Mellor Filme con “A sombra da lei” de Dani de la Torre

06-06-2019

A longametraxe “A sombra da lei”, participada pola socia Televisión de Galicia, acaba de facerse co Premio Torc ao mellor filme no Celtic Media Festival. Esta película, que se enfrontou coa produción galesa “The NHS: To Provide All People” e coa escocesa “The Party’s Just Beginning”, é un thriller de gángsters situado na Barcelona de principios de século XX, cun convulso trasfondo político e social. Trátase da segunda película do cineasta monfortino Dani de la Torre, con Luís Tosar como protagonista e producida por Vaca Films. 

O premio foi recollido pola xefa de Contidos da Televisión de Galicia, Montse Besada, quen destacou que este recoñecemento é tamén para Dani de la Torre, os produtores da película e para todo o equipo, e avanzou que o seu director xa está traballando nun novo proxecto. 

Amais deste galardón, a CRTVG acudiu á 40 edición deste certame, que hoxe finaliza na localidade escocesa de Aviemore, con outras tres candidaturas finalistas: o programa da Radio Galega “Diario Cultural” (na categoría de “Radio music programme”), o espazo da TVG Historias mínimas” producido pola socia Tamboura (“Factual Series”) e o docudrama “Caso Diana Quer: 500 días” da socia Agallas Films (“Single Drama”). 

O Celtic Media Festival, destinado a difundir e recoñecer os traballos de radiodifusión e audiovisual, é unha competición internacional que reúne os principais xéneros de contidos en televisión, radio, cine e medios dixitais. É un festival único, que promove a cultura e linguas dos países celtas e reúne profesionais con talento para amosar o que se está a facer nos territorios celtas.