Cluster Audiovisual Galego

Tres produtoras galegas participan no Celtic Media Festival 2019 como parte da delegación do Clúster Audiovisual, que tamén asiste ao certame

05-06-2019

As produtoras CTV, Ficción Producciones e Tamboura conforman a delegación empresarial promovida polo Clúster Audiovisual Galego na 40 edición do Celtic Media Festival, que se celebra ata o día 6 na localidade escocesa de Aviemore e na que participan ademais o propio Clúster, a Televisión de Galicia e Voz Audiovisual. Este certame promove a cultura e linguas dos países celtas en cine, televisión, radio e novos medios de comunicación, con catro producións galegas finalistas aos seus galardóns anuais.

A misión directa do Clúster Audiovisual Galego enmárcase dentro do Programa Galicia Exporta Organismos Intermedios e conta co apoio financeiro do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), da Xunta de Galicia e da Unión Europea. 

As candidaturas galegas compiten neste festival con televisións da talla da BBC de Escocia e Gales, da FR3 de Bretaña e da RTE de Irlanda. En representación dos medios públicos galegos, a xefa de Contidos da TVG, Montse Besada, e a xefa de Programas da Radio Galega, Tania F. Lombao, participarán tamén en distintas charlas e encontros con representantes doutros medios europeos. Tamén asiste ao certame o director da Área de Contidos da CRTVG, Fernando R. Ojea. 

En canto ás producións, a docuficción “Caso Diana Quer: 500 días”, producida pola socia do Clúster Agallas Films para a TVG, foi finalista na categoría Sucesos de actualidade (“Current affairs”) xunto con outras propostas da Bretaña francesa, Escocia, Gales e Irlanda. Mañá, xoves, coñeceranse os restantes galardóns e os apartados en que son candidatos o “Diario Cultural” da Radio Galega (na categoría “Radio music programme”), o programa de entretemento “Historias mínimas” da socia Tamboura para a TVG (na sección “Factual Series”) e o thriller “A sombra da lei” de Dani de la Torre participado pola Galega (no apartado “Single Drama”). 

Nesta edición do Celtic Media Festival compiten producións repartidas entre un total de 22 categorías, que abranguen o mundo do cinema, do deporte, dos medios, da tecnoloxía, da actualidade, do entretemento e da arte.