Cluster Audiovisual Galego

Comeza a rodaxe de “Auga seca”, a nova ficción de Portocabo para a TVG, que conta co apoio da Agadic

04-06-2019

A nova produción de Portocabo para a Televisión de Galicia, a serie de ficción “Auga seca”, un trepidante thriller de seis capítulos ambientado en Vigo e Lisboa, foi presentada este luns nunha conferencia de prensa en Vigo. “Auga seca” conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e do Europa Media Fund e está producida por Portocabo, responsable de series como “Luci” e “Vidago Palace”, para TVG e a RTP, coa colaboración de SP-i, a produtora de televisión máis importante de Portugal. A serie será distribuída internacionalmente pola británica DCD Rights.

A rodaxe de “Auga seca” en Vigo prolongarase ata o 19 de xullo en localizacións que inclúen o Real Club Náutico, o porto de mercancías de Guixar ou o barrio do Castro. A serie, que chegará á grella da TVG a finais deste ano, ten como protagonistas os actores galegos Monti Castiñeiras, que interpreta a Mauro, un empresario relacionado co tráfico de armas; Sergio Pazos, que fai de Viñas, xefe da unidade policial encargada de crimes violentos en Vigo, e a actriz portuguesa Victoria Guerra, que interpreta a Teresa, afillada de Mauro.

Eva Fernández, Paloma Saavedra, Santi Romay, Cris Iglesias, Adrián Ríos e João Arrais tamén forman parte do elenco desta nova serie, que contará con seis episodios de 50 minutos cada un. Toño López asume a dirección baixo a produción executiva de Alfonso Blanco, quen tamén asina o argumento xunto con Pepe Coira, Araceli Gonda, José Rubio, Eligio Montero, Carlos Portela e Ana Míguez. No guión traballan Lidia Fraga, Carlota Dans, José Rubio e Eligio Montero, a dirección de fotografía é de Ricky Morgade, a dirección de arte, de Andrea Pozo, e a música, de Elba Fernández e Xavi Font.

Nada é o que semella en “Auga seca”, un thriller que conta a historia de Teresa, unha muller que toma a decisión máis arriscada da súa vida: infiltrarse nunha organización criminal para vingar a morte do seu irmán. Unha historia cargada de xiros e sorpresas que terá como escenarios as cidades de Vigo e Lisboa e que recollerá o universo do tráfico de armas e a súa conexión co mundo empresarial.

Ao acto, que contou coa participación dos protagonistas da serie, asistiu Rosa Vilas, adxunta ao director xeral da CRTVG; o director de Agadic, Jacobo Sutil; o delegado da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves; os produtores Alfonso Blanco, de Portocabo e José Amaral, de SP-i, e Isabel Correia, directora da RTP no Porto. Rosa Vilas sinalou que este proxecto "concita todos os elementos polos que apostou a CRTVG durante os últimos anos: a ficción de calidade, a internacionalización dos nosos produtos e o achegamento a Portugal, que foi sempre un reto". Amosouse tamén convencida de que "vai namorar a todo o mundo pola súa altísima calidade, apoiada nun equipo moi solvente tanto desde o punto de vista técnico coma actoral".

"Logo de varios anos rodando no estranxeiro, é un privilexio poder facer unha produción tan ambiciosa como esta en Galicia e seguir estreitando lazos cos nosos colaboradores portugueses", declarou Alfonso Blanco, director xeral de Portocabo. Pola súa parte, José Amaral explicou que a colaboración da súa empresa con RTP e a TVG abre un "longo camiño a seguir" no mercado internacional. Polo de agora, ese camiño acaba de comezar coa entrada no proxecto da distribuidora británica DCD Rights e a venda dos dereitos de emisión da serie para Holanda, Finlandia e Europa do Leste (neste caso, á prestixiosa canle americana AMC).

Isabel Correia destacou o carácter cada vez máis híbrido dos produtos televisivos e a vantaxe de aproveitar a conexión que existe entre Galicia e Portugal. Este vínculo tamén o sinalou Jacobo Sutil, que comentou a facilidade de "traballar co outro lado da raia" polos puntos en común na lingua e na historia. Ademais, puxo énfase na contribución do proxecto ao audiovisual galego, empregando máis de 150 persoas e abrindo vías para o sector a nivel internacional.

O director da Agadic tamén explicou que o proxecto foi adxudicatario en 2017 de 260.000 euros na convocatoria de axudas a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, na modalidade de longametraxes, series e miniseries de televisión.

“Auga seca” é a segunda ficción coproducida pola RTP e a TVG tras o éxito en 2017 de Vidago Palace, unha serie de época ambientada no hotel Vidago, no norte de Portugal. A TVG tamén participa en Verão M, serie xuvenil da RTP que a Galega estreará a finais de xuño. A colaboración cos medios públicos portugueses atinxe tamén a programas en coprodución como Camiños de irmandade” ou a realización de especiais do Aquí Galicia” e do Aquí Portugal”, entre as máis recentes.