Cluster Audiovisual Galego

A TVG acadou en maio un 10,3% no prime time, e segue sendo líder en Galicia nas faixas informativas

04-06-2019

A audiencia de TVG medrou no mes de maio respecto do mes anterior, tanto no conxunto día, en que acadou un 10,1% de cota, como no prime time, cun 10,3%. A TVG é unha das dúas canles que máis medrou e reflicte un incremento de 3 décimas que no prime time sobe ata 4 décimas, respecto a abril.

Por faixas horarias, destaca de novo a informativa do mediodía, co espazo “Galicia noticias” seguido do “Telexornal mediodía” entre as 13:30 e as 15:30 h, cunha cota do 18,3% no conxunto do mes,  3,7 puntos de cota máis que a seguinte canle (Tele5, 14,6%). No período de luns a venres, a media é de 19,1% e supera o seguinte competidor en 4,3 puntos (Antena 3 14,8%). Cómpre salientar o incremento nas audiencias con respecto ao mes de abril do matinal “Bos días 8:00”, que medra 4,1 puntos, e do “Telexornal mediodía fin de semana”, cun incremento de 1,3 puntos, o que reforza o liderado dos medios públicos galegos no eido informativo.

Nesta mesma liña, a actualidade arredor das eleccións municipais e europeas do pasado 26 de maio propiciou que o programa de maior audiencia fora o “Especial eleccións 26 de maio”, que acadou unha audiencia media de 372.000 telespectadores e unha cota do 34,3%. E tamén, un mes mais, TVG segue a superar á media das canles autonómicas agrupadas en FORTA, que acadaron un 8,3% na faixa do prime time, dous puntos menos que a Galega.