Cluster Audiovisual Galego

A Xunta subvenciona con 1,5 millóns de euros a produción da serie “Tres caminos”, de Ficción Producciones, para a difusión dos valores culturais xacobeos

10-05-2019

A Xunta de Galicia acaba de adxudicarlle 1,5 millóns de euros á empresa compostelá socia do Clúster Audiovisual Ficción Producciones para a realización da serie titulada “Tres caminos” e fomentar e difundir por medio da produción audiovisual os valores do fenómeno xacobeo e do Camiño de Santiago. A resolución finaliza a segunda fase do procedemento de concorrencia competitiva publicado en 2018 pola Consellería de Cultura e Turismo a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Por medio desta convocatoria xa se contribuíra o ano pasado ao desenvolvemento de cinco novos proxectos audiovisuais de cara á celebración do Xacobeo 2021. Ademais de “Tres caminos”, do que agora se posibilita a súa produción completa, os adxudicatarios da primeira fase foran as series “El camino”, da socia Portocabo TV; “100 km. El Camino”, da socia Zenit Televisión, e “O legado de Matthew Steward”, de Diez Caminos AIE, así como a longametraxe cinematográfica “Mi camino”, da socia Agallas Films. Entre eles distribuíuse a dotación de 75.000 euros (15.000 para cada un) desa primeira fase, segundo a resolución publicada en outubro.

A partir dese momento, estas cinco empresas dispuxeron de catro meses para avanzar na preprodución das súas propostas e entregarlle o resultado dos traballos á Agadic. A comisión de valoración, integrada por persoas expertas do sector, seleccionou agora “Tres caminos” para cofinanciar con 1,5 millóns de euros a súa chegada ás pantallas. Esta  cantidade, que non supera o 30% do total do custe da súa produción, figuraba xa estipulada con anterioridade nas bases por tratarse dunha serie.

Distribución internacional

O obxectivo desta iniciativa é promover a marca Galicia e as rutas xacobeas mediante a realización dunha obra audiovisual que, polas súas características, posúa unha alta capacidade de distribución internacional. Ademais, os principais aspectos tidos en conta na valoración das propostas foron a calidade, a orixinalidade e o carácter atemporal. O Camiño de Santiago debía ser un dos elementos importantes no seu contido, mais non necesariamente o principal, buscando a diferenciación con respecto a outras obras audiovisuais. Tamén se analizaron as posibilidades transmedia do proxecto e a súa capacidade para captar outros investimentos públicos e privados que permitan conseguir un orzamento medio-alto, levar a cabo unha obra de máxima calidade e garantir as súas posibilidades de promoción e distribución. De feito, “Tres caminos” conta xa coa coprodución internacional de catro países: Alemaña, Italia, Corea do Sur, México e Chile.

Tanto o contido como o proceso de realización da serie deberán contribuír á difusión da cultura, a paisaxe e demais atractivos de Galicia como destino de visitantes e peregrinos, á transmisión dos valores xacobeos, a consolidar a marca Galicia e a fomentar a industria audiovisual galega. Neste último punto, a empresa beneficiaria realizará en Galicia un gasto mínimo do 110% do importe da axuda concedida, tal como establece a convocatoria.

“Tres caminos” estará dirixida polo ourensán Norberto López Amado, constará de seis capítulos de 50 minutos de duración e rodarase en inglés en localizacións que abranguen desde Roncesvalles a Galicia ao longo das catro estacións do ano.