Cluster Audiovisual Galego

“O sabor da margaridas”, no TOP 10 das series de lingua non inglesa máis vistas en Netflix no Reino Unido e Irlanda en abril

10-05-2019

A produción das socias TVG e CTV “O sabor das margaridas” foi a sétima serie máis vista de Netflix no Reino Unido e Irlanda no mes de abril, na categoría de series en lingua non inglesa, segundo o ranking revelado onte pola plataforma.

A ficción galega, que fora emitida na canle autonómica en 2018, converteuse o pasado marzo na primeira serie en galego en formar parte da oferta desta popular plataforma de streaming, baixo o título “Bitter Daisies”.

Netflix anunciou onte xoves, durante a súa presentación de resultados financeiros, os seus TOP 10 de popularidade no Reino Unido e Irlanda, en que se inclúe, na sección de contidos en linguas non inglesas, “O sabor das margaridas”, así como outras ficcións de éxito, entre elas “Quicksand”, “The Ruthless” ou “Osmosis”.

“O sabor das margaridas”, unha coprodución de TVG e CTV de seis capítulos, xa fora recoñecida como mellor serie de televisión nos XVII Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual en marzo pasado. Dirixida por Miguel Conde (“Serramoura”, “Seis hermanas” e 'Bajo sospecha”), a serie galega ten como protagonistas a María Mera, Ricardo de Barreiro, Tony Salgado e Nerea Barros. Desenvólvese nunha illada vila do interior de Galicia, en vésperas da chegada do Papa Bieito XVI a Santiago de Compostela no 2010. Os segredos dos protagonistas, as vinganzas e as constantes sospeitas marcan o ritmo desta ficción chea de misterios centrada no secuestro de Marta Labrada.