Cluster Audiovisual Galego

Carlos Fernández, CEO de Filmax, elixido novo presidente de AEGA-CAT

08-05-2019

A Asemblea de Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña (AEGA-CAT) elixiu cun amplo apoio ao socio do Clúster Carlos Fernández Rodríguez como o seu novo presidente, en substitución de Julio Fernández Rodríguez, quen ocupaba o cargo desde 2002.

Durante a Asemblea da asociación tamén se renovou o resto da Xunta Directiva, composta por catro vicepresidentes, unha secretaria xeral e oito vogais.

Entre os obxectivos marcados polo novo presidente destacan: “Xerar novos niveis de confianza e colaboración dentro da nosa asociación, potenciar o coñecemento entre os asociados para facilitar os negocios entre eles, explorar posibilidades de vantaxes transversais para o tecido asociativo e alcanzar convenios con outras asociacións e institucións para compartir coñecementos”. En definitiva, nesta nova etapa Fernández buscará “poñer en valor o que xuntos podemos significar e influír dentro de outras organizacións empresariais”.

Desde a súa fundación en 1989, AEGA-CAT ten o obxectivo fundamental de aglutinar a todos os empresarios galegos afincados en Cataluña, aos que despois se uniron os residentes en Andorra, para servir como plataforma de expansión dos seus negocios e promover e apoiar a creación de novas actividades empresariais.

A Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña é eminentemente multisectorial e está integrada por arredor de 300 compañías punteiras, moitas delas multinacionais, pertencentes aos sectores da Industria, o turismo, a comunicación, os servizos, a construción, a biotecnoloxía, o audiovisual e a restauración, entre outros.