Cluster Audiovisual Galego

"Lo nunca visto" estrearase o 12 de xullo en cines da man de Filmax

03-05-2019

O próximo 12 de xullo chegará aos cines "Lo nunca visto". Unha divertida historia de integración chea de música, baile e humor, que fala sen prexuízos sobre os prexuízos, escrita e dirixida por Marina Seresesky (“La puerta abierta”).

Carmen Machi, Pepón Nieto, Kiti Mánver e Jon Kortajarena forman parte do reducido grupo de veciños dunha pequena aldea perdida na montaña a punto de ser absorbida pola vila de abaixo. Para evitar a súa desaparición, terán que abrir as portas a outro mundo…  cheo de color!

Montse Pla, Ricardo Nkosi, Malcolm T. Sitté e Jimmy Castro darán vida a un singular grupo de inmigrantes africanos que chegarán para quedar…

Paco Tous, Pepa Charro, Txema Blasco, Mariana Cordero, Esperanza Elipe, Enriqueta Carballeira e Pablo Carbonell converteranse nos vetustos habitantes desa vila que verá como o seu día a día cambia radicalmente da noite para a mañá.

Con "Lo nunca visto", a directora, guionista e actriz arxentina Marina Seresesky escribe e dirixe a súa segunda longametraxe tras “La puerta abierta”, coa que obtivo dúas nominacións ao Goya, incluíndo mellor protagonista para Carmen Machi. A película tivo un longo periplo por festivais, obtendo numerosos premios. Seresesky é responsable tamén de varias curtametraxes e do documental “Madres, 0,15 el minuto”, gañador da Biznaga de Prata do festival de Málaga e de diversos premios internacionais.

Para esta ocasión Seresesky rodeouse de grandes profesionais da talla de Sergi Gallardo como director de fotografía, Marta Velasco na montaxe ou o compositor Fernando Velázquez (gañador do Goya pola BSO de “Un monstruo viene a verme” e nomeado noutras tres ocasións).

Producida por Tandem Films e por Solomon Solon AIE, a película conta ademais coa participación de TVE e de Netflix.

Rodada en diversas localizacións de Madrid e Navarra, a película conta coa vila de Uztarroz, no val do Roncal, como escenario natural e un personaxe máis desta comedia coral e multicolor.

Sinopse

 Teresa (Carmen Machi) ve apagarse Fuentejuela de Arriba, a pequena aldea da montaña onde viviu toda a súa vida. Pero a vila recibe unha visita inesperada: no medio da neve aparece un desubicado grupo de africanos…  cuxa chegada conmociona a aldea.

Teresa teno claro: fuxidos dunha situación de explotación á que chegaran enganados, os africanos queren quedar en España como sexa… E esa pode ser a solución ao problema de falta de habitantes na vila.

Coa axuda dos seus amigos Jaime (Pepón Nieto) e o “Guiri” (Jon Kortajarena) decide ocultalos e deseñar un plan. Poñendo patas arriba prexuízos e temores infundados, os recén chegados e os habitantes locais traballarán xuntos para que o seu fogar continúe existindo.