Cluster Audiovisual Galego

Paula Cons finaliza a rodaxe do thriller “O Santa Isabel”, protagonizado por Nerea Barros, Darío Grandinetti e Aitor Luna

15-04-2019

A semana pasada finalizou en Portugal a rodaxe de “O Santa Isabel”. A ópera prima de Paula Cons é un thriller sobre a fuxida da dor e sobre as sombras e, practicamente ningunha luz, do heroísmo. Estrearase nas pantallas a comezos do vindeiro ano da man de Filmax.

Diferentes localizacións de Galicia e Portugal acolleron durante seis intensas semanas a rodaxe da película, inspirada na historia de tres mulleres que se converteron en heroínas pola súa fazaña tralo naufraxio, en 1921, do trasatlántico Santa Isabel fronte á illa de Sálvora, pero ás que a sociedade logo esquecería.

Nerea Barros, Darío Grandinetti e Aitor Luna protagonizan este thriller, xunto a Victoria Teijeiro, Ana Oca e María Costas. Milo Taboada, Celso Bugallo, Machi Salgado, Miguel Borines, Tatán, Roberto Leal, Ana Santos, Mela Casal, Javier Tolosa e Leyre Berrocal, entre outros, completan o reparto.

“O Santa Isabel” é a primeira longametraxe de ficción de Paula Cons. A directora e guionista desta película, na que contou coa colaboración de Luis Marías no guión, tamén traballou como guionista e produtora executiva da longametraxe “Lobos sucios”, e como directora e guionista dos documentais “A batalla descoñecida” e “O caso Diana Quer. 500 días”.

Conta ademais cun equipo de profesionais de primeira liña como o director de fotografía Aitor Mantxola (“El fotógrafo de Mauthausen”), o director de arte Antonio Pereira (“Fariña”), a responsable de maquillaxe e perruquería Raquel Fidalgo, ou a encargada de deseño de vestiario Eva Camino (“Fariña”).

En palabras da súa directora: “pretendemos achegarnos a un feito histórico, recuperar o recordo de tres mulleres fascinantes e facer unha reflexión sobre a fuxida da dor (da protagonista e da sociedade) a través dunha historia misteriosa e cun gran poder visual”.

O filme está coproducido pola galega Agallas Films, a vasca Historias del Tío Luis e a arxentina Aleph Cine. Conta coa participación de TVG, RTVE e ETB, e co apoio da AGADIC, do Goberno Vasco, do ICAA, do INCAA arxentino e do Programa Ibermedia.

“O Santa Isabel” chegará aos cines españois a comezos do 2020 da man de Filmax.

Sinopse

Que acontece despois dun naufraxio no lugar que o contemplou e viviu todo? Na madrugada do 2 de xaneiro de 1921, en medio dunha espesa néboa o vapor El Santa Isabel, con 260 emigrantes con destino Bos Aires, afundiu fronte á escarpada e dura costa da illa de Sálvora. Esa noite non había homes na illa, estaban celebrando o Nadal en terra firme. A única esperanza dos supervivintes que loitaban por non estrelarse contra as rochas eran as poucas mulleres, vellos e nenos que vivían neste lugar.

Tres mozas da illa, María (Nerea Barros), Josefa (Victoria Teijeiro) e Cipriana (Ana Oca), deciden lanzarse ao mar nunha pequena embarcación tradicional. Remando só de oído, debido á espesa néboa e á noite cerrada, logran salvar a 50 persoas. Todo o que ocorre desde esa noite vai sacudir e cambiar para sempre a esta illa.

Un xornalista arxentino, León (Darío Grandinetti), acude a Sálvora para cubrir a nova do naufraxio. Pero pouco a pouco comproba que esa noite sucederon demasiadas terribles “casualidades” na illa. Son moitas as incógnitas que hai que resolver…

Foto: Kaito Estudios