Cluster Audiovisual Galego

Portocabo e a alemá Nadcon suman forzas para desenvolver a serie “Weiss & Morales” 

12-04-2019

Portocabo e Nadcon Films cerran un acordo de desenvolvemento, no marco do MIPTV de Cannes, para a coprodución da serie “Weiss & Morales”. Nadcon Films (“Modus”, “El Guardián Invisible”) é unha produtora alemá, liderada por Peter Nadermann (Saga “Millenium”), con ampla experiencia en coprodución internacional.  Liderada por Alfonso Blanco, a socia do Clúster Portocabo (“Hierro”) será a encargada de levar a cabo o desenvolvemento deste proxecto de ficción “Weiss & Morales”, (4x90’), unha serie procedimental ambientada na illa de Gran Canaria.

A serie xirará arredor da historia de dous policías, a alemá Ingrid Weiss e o español Rubén Morales. Ambos veranse obrigados a colaborar a raíz dun caso de asasinato que involucra á comunidade alemá que vive nas Illas Canarias. As súas personalidades son opostas, ela é a razón, mentres que el se move guiado polo seu instinto.

Portocabo estivo presente neste mercado internacional con varias producións (“Hierro” -coprodución entre España e Francia-, “Miracle Tunes” -coprodución entre Italia e España- e “Auga Seca” -coprodución entre Galicia e Portugal que actualmente se encontra en preprodución-). Ademais, a produtora tamén estivo traballando nos seus próximos proxectos (“Garbo” - coprodución entre España, Reino Unido e Francia- e “El Camino” - coprodución entre España, Italia e Francia-) e reforzando futuras alianzas de cara a novas producións. Desta maneira, Portocabo sigue avanzando con forza na súa estratexia como referente na creación e coprodución de contidos internacionais para televisión.