Cluster Audiovisual Galego

Portocabo comeza a produción de “El Camino”, a súa nova serie transmedia 

05-04-2019

A produtora galega socia do Cluster Portocabo sigue posicionándose no mercado internacional ao poñer en marcha a súa primeira coprodución entre Francia, Italia e España, que será distribuída por Banijay Rights. A ficción, que levará por nome “El Camino”, será unha serie transmedia que xirará arredor das historias de tres mulleres moi diversas, en culturas, idade e carácter e sen conexión entre si.

A historia arranca cando, por razóns do destino, acaban afectadas por un  acontecemento dramático que as conectará xerando un vínculo moi profundo, ao igual que o Camiño de Santiago conecta aos seus “camiñantes”. Nesta miniserie de seis capículos, a vida das tres iniciará un proceso transformador no que chegarán a cuestionar a súa propia identidade.

Finalmente, o grupo Banijay (Francia e Italia) será o encargado da distribución da serie. Á fronte do equipo creativo de  “El Camino” encóntrase o xefe de ficción de Banijay Studios Italia, o guionista  Massimo del Frate, experto en producións ficcionadas para televisión en múltiples plataformas. Ao longo da súa carreira, a súa experiencia profesional estivo ligada a empresas como Mediaset ou EndemolShine e canles italianas como Rai1 e Canale 5. Ademais, este proxecto de coprodución internacional conta tamén coa implicación directa de profesionais como  Camille  Gatin, responsable de produción internacional de Banijay Studios Francia, e de Caroline Torrance, xefa de guións de  Banijay  Rights.

A raíz deste acordo, Portocabo e Banijay Rights continuarán traballando xuntas no desenvolvemento de “El Camino”.  A serie, que se encontra actualmente entre os cinco seleccionados na convocatoria de axudas a proxectos audiovisuais da Xunta de Galicia que difundan o Camiño de Santiago a nivel internacional, rodarase en español, francés e italiano, e estará acompañada dunha campaña transmedia na que estarán incluídas narracións e accións en múltiples formatos articulando un discurso arredor dos valores do Camiño.