Cluster Audiovisual Galego

O audiovisual galego reúnese con representantes da industria dos contidos dixitais de Arxentina

05-04-2019

Co obxectivo de promover a creación dos contidos dixitais en Galicia e de fomentar a internacionalización deste sector, o Clúster Audiovisual Galego celebrou onte, xoves, un encontro entre produtoras galegas e empresas de Arxentina. A xuntanza tivo lugar no marco do festival Carballo Interplay, que se celebra ata este sábado na localidade coruñesa que lle dá nome. 

Arxentina sobresae na industria dos contidos dixitais en Latinoamérica, especialmente no que respecta á ficción e ás series creadas para Internet. A iniciativa do Clúster serviu para poñer en contacto a compañías do audiovisual galego como Aba Films, Adivina Producciones, Congo Producciones o Ficción Producciones coa delegación empresarial arxentina, compartir experiencias e encontrar puntos de encontro empresariais que desemboquen en posibles novos proxectos. 

Por parte da delegación arxentina, participaron na reunión Martín Lapisonde, socio fundador da produtora Macaco Films e director do BAWEBFEST; Rocío Carbajo, produtora, guionista e coordinadora de contidos da canle UN3Tv, e Agustina Lumi, produtora de cine e televisión e actualmente coordinadora de contidos de medios en Cine.ar, plataforma FVOD do Instituto Nacional de Cine e Artes Audiovisuais (INCAA) de Arxentina. 

Esta actividade forma parte da Misión empresarial inversa co sector dos contidos dixitais de Arxentina, organizada polo Clúster dentro do Programa Galicia Exporta Organismos Intermedios, co apoio financeiro do Igape, Xunta de Galicia e UE, que permitirá dar a coñecer ao exterior todo o potencial das empresas galegas e establecer posibles fórmulas de cooperación en novos formatos entre ambos territorios.