Cluster Audiovisual Galego

Catro producións da CRTVG, finalistas nos Premios Celtic Media Festival

03-04-2019

A CRTVG acadou catro candidaturas aos prestixiosos premios Celtic Media Festival polas producións “A sombra da lei”, “Diario Cultural”, “Caso Diana Quer: 500 días” e “Historias mínimas”. En todas as candidaturas, os produtos da Televisión de Galicia compiten con televisións do renome da BBC de Escocia e Gales, da FR3 de Bretaña e da RTE de Irlanda. Este certame, co que se promove a cultura e linguas dos países celtas nos ámbitos do cinema, a televisión, a radio e os novos medios de comunicación, celebrarase entre o 4 e o 6 de xuño na localidade escocesa de Aviemore. 

O director da Área de Contidos da CRTVG, Fernando R. Ojea, representante de Galicia do Celtic Media en Aviemore, destacou ao ser coñecedor das catro candidaturas que “é un privilexio que a Televisión de Galicia poida competir con medios tan prestixiosos como a BBC ou a RTE irlandesa grazas á calidade dos contidos que producimos en Galicia. Están nomeados fronte a programas que van chegar aos mercados internacionais máis competitivos e isto énchenos de orgullo. E aínda estamos máis satisfeitos porque o “Diario Cultural” na súa versión dominical recentemente creada nesta tempada elevou á a Radio Galega ao seu máximo recoñecemento internacional, como mellor programa de música en vivo”.   

Pola súa parte, Tania Fernández Lombao, xefa de Programas da Radio Galega, dixo “alégranos este recoñecemento á nova estratexia cultural da Radio Galega. O intenso traballo dos últimos meses, nos que se abriu ademais a vía dixital do “Diario Cultural”, tradúcese nesta primeira nominación internacional. Dános azos para seguir traballando con intensidade na busca de novos públicos a través de contidos culturais con fórmulas como a da edición dominical do “Diario Cultural”. 

Producións da TVG finalistas 

Participada pola Televisión de Galicia, “A sombra da lei” é a segunda película do cineasta monfortino Dani de la Torre. Con Luís Tosar como protagonista, esta produción de Vaca Films é un thriller de gángsters situado na Barcelona de principios do século XX, cun convulso trasfondo político e social. Compite na categoría de mellor filme coa galesa “The NHS: To Provide All People” e coa escocesa “The Party’s Just Beginning”. 

A docuficción “Caso Diana Quer: 500 días”, producida pola socia Agallas Films para a TVG, é finalista no apartado de sucesos de actualidade (“current affairs”), xunto con outras producións da Bretaña francesa, Escocia, Gales e Irlanda. Esta produción sobre os 500 días de investigación tras a desaparición da muller Diana Quer, mestura entrevistas e un minucioso traballo xornalístico con secuencias que narran os momentos máis importantes da operación Querpu. 

Pola súa parte, “Historias mínimas” completa a serie de producións televisivas que optan ao premio Celtic Media como produto de entretemento na sección de ‘series factual’. Producida por Tamboura Films para a TVG é un espazo orixinal que parte da premisa de que todo o mundo ten unha historia e, con ese fin, ofrécelles o seu set na rúa a persoas sen proxección pública pero cun relato vital que contarlles aos espectadores. Optan a este recoñecemento 5 producións máis. 

Primeira candidatura internacional da Radio Galega 

Na categoría de programa de radio musical (“radio music programme”) houbo unha gran competencia ao presentarse máis de 600 horas de contidos radiofónicos. Neste caso, o “Diario Cultural” da Radio Galega é finalista xunto a outras seis propostas de radios con lingua propia, como a Rte de Irlanda, a radio Cymru da BBC Gales e a BBC nan Gaidheal de Escocia. No caso da Radio Galega, o espazo presentado ao festival ten unha primeira parte de reportaxe, con música ao vivo, sobre os 25 anos do Bar Tolo de Santiago de Compostela e, unha segunda, de recital poético. 

Cómpre salientar que esta é a primeira candidatura internacional para a Radio Galega, no ano en que se  puxo en marcha o innovador proxecto #Cultura365 e o novo formato do “Diario Cultural”, con Xiana Arias á fronte nos micros na fin de semana. 

O Celtic Media Festival ten lugar desde hai 40 anos de forma rotatoria entre Irlanda, Escocia, Gales, Illa de Man, Cornualles e a Bretaña francesa. Nesta edición compiten producións repartidas entre un total de 22 categorías, que abranguen o mundo do cinema, do deporte, dos medios, da tecnoloxía, da actualidade, do entretemento e da arte.