Cluster Audiovisual Galego

Unha delegación de empresas do audiovisual galego, promovida polo Clúster, participa en Series Mania

25-03-2019

As empresas CTV, Ficción Producciones, Intereuropa e Portocabo xa se encontran en Lille (Francia) para participar en Series Mania 2019. Estas catro compañías conforman a delegación do audiovisual galego no festival, exclusivo para series de televisión, promovida polo Clúster Audiovisual Galego. A 10ª edición deste evento celébrase ata o próximo 30 de marzo no Grand Palais de Lille. 

O Clúster Audiovisual facilita así o encontro da delegación galega con profesionais do mundo das series que se dan cita na localidade francesa para presentar novos proxectos en busca de financiamento, celebrar reunións para posibles coproducións e debater sobre o estado do sector. 

Ademais “Hierro”, serie producida pola socia Portocabo, Movistar+, ARTE e Atlantique Productions, terá a súa premiere internacional en Series Mania 2019. Integrada por oito episodios, este thriller está protagonizado por Darío Grandinetti e Candela Peña. E trátase da única representación española na parte de festival do evento. 

Esta misión directa do Clúster enmárcase dentro do Programa Galicia Exporta Organismos Intermedios e conta co apoio financeiro do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), da Xunta de Galicia e da Unión Europea. 

Series Mania é un dos principais eventos na busca de coprodución para as series de televisión de Europa. Arredor de conferencias, sesións de pitching de proxectos e screenings reúnense os principais executivos do mundo da televisión, converténdose nun lugar de networking imprescindible para os produtores deste tipo de contidos. Ademais, dentro do festival celébrase un dos foros de coprodución máis importantes do panorama audiovisual europeo: European TV Series Coproduction Forum. En 2018 participaron máis de 2.000 profesionais, entre produtores, canles de TV e talento. 

Na presente edición, as conferencias tratarán sobre temas como o blockchain, a música electrónica, o marco legal europeo, contidos inmersivos, Realidade Virtual, a adaptación de obras literarias, a diversidade, a ficción procedente de India… Tamén se ofrecerá un panorama das próximas series procedentes de Francia, Québec e Finlandia, entre outros territorios.