Cluster Audiovisual Galego

Comeza a rodaxe de “El Santa Isabel”, thriller da directora galega Paula Cons, protagonizado por Nerea Barros, Darío Grandinetti e Aitor Luna

04-03-2019

Hoxe comeza en Muros a rodaxe do thriller “El Santa Isabel”, da directora coruñesa Paula Cons e que está protagonizado por Nerea Barrros, Darío Grandinetti e Aitor Luna. Unha coprodución hispano-arxentina inspirada no naufraxio deste vapor transatlántico fronte á illa de Sálvora en 1921 e que ten ás tres heroínas do “Titanic” galego como protagonistas, logo de que foran inxustamente esquecidas.

A presentación da rodaxe celebrouse o pasado venres no Museo Municipal de Ribeira nunha rolda de prensa na que participaron a directora Paula Cons; o produtor executivo de Agallas Films, Juan de Dios Serrano; a actriz Nerea Barros e os actores Darío Grandinetti e Aitor Luna; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil; o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, e o director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias.

Para o alcalde de Ribeira a película pon en valor o “tan esquecido sempre papel da muller”, contribuirá a dar a coñecer ás heroínas do naufraxio, así como a “consolidar a este municipio galego como un destino de referencia”.

El Santa Isabel” rodarase durante 6 semanas na illa de Sálvora e en diversas localizacións dos municipios galegos de Muros, O Grove, Santiago de Compostela, Arzúa e Oza dos Ríos.

O produtor Juan de Dios Serrano explicou que este proxecto é froito da colaboración entre tres produtoras de Galicia, País Vasco e Arxentina, e asegurou que son precisamente estas alianzas as que o fan viable e permiten que a película conte cun casting de tan gran nivel. Ademais, agradeceu o apoio prestado ao proxecto por parte das canles de televisión que participan no filme (TVG, RTVE, ETB), e tamén das institucións dos tres territorios implicados.

Un apoio que no caso da AGADIC –explicou Jacobo Sutil- produciuse desde a súa fase de preprodución do proxecto e despois a través da liña para producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego. Tamén no caso da TVG, a canle autonómica galega “apostou por este proxecto desde un principio”, como destacou Xaime Arias.

A directora Paula Cons sumouse aos agradecementos, e dun xeito moi especial ás máis de 500 persoas que se presentaron hai unhas semanas ao casting de figuración celebrado en Ribeira. En relación coa película, a directora aproveitou para subliñar a importancia dos valores que reflicte o filme e para salientar o magnífico escenario que representa a illa de Sálvora.

“El Santa Isabel” inspírase no naufraxio, en 1921, do vapor, que cubría a ruta entre Bilbao e Cádiz recollendo emigrantes rumbo a América, fronte ás costas da illa de Sálvora con máis de 260 persoas a bordo, das que tan só 50 lograron salvar a vida grazas á actuación de tres mozas da illa. Este proxecto foi seleccionado e finalista no Foro EGEDA/FIPCA celebrado no marco dos Premios Platino, e para participar no SantiagoLab Cruzando Fronteiras no marco do SANFIC, Festival de Cine de Santiago de Chile.

Protagonizada pola compostelá Nerea Barros (“A estación violenta”, premio Goya á Mellor actriz revelación pola súa actuación en “La isla mínima”), Darío Grandinetti (“Julieta”, “Rojo”) e Aitor Luna (“El aviso”, serie “La catedral del mar”), o reparto deste filme conta tamén cos galegos Milo Taboada, Celso Bugallo, Victoria Teijeiro, María Costas, Ana Oca, Machi Salgado e os vascos Javier Tolosa, Leyre Berrocal, entre outros.

“El Santa Isabel” é a primeira longametraxe de ficción como directora de Paula Cons, tralos documentais “La batalla desconocida”, seleccionado a competición na Seminci 2017 en DocEspaña e gañador do Mestre Mateo do audiovisual galego ao mellor documental, e “O caso Diana Quer. 500 días”, co que podería gañar o segundo mañá día 2 de marzo.

O guión é tamén de Paula Cons, coa colaboración de Luis Marías como coguionista. A directora conta ademais cun equipo de profesionais de primeira liña como o director de fotografía Aitor Mantxola (“El fotógrafo de Mauthausen”); o director de arte Antonio Pereira (“Fariña”); a responsable de montaxe Julia Juaniz; a lingüista Rosa Moledo (“Fariña”); Raquel Fidalgo, recentemente nomeada por cuarta vez ao Goya en maquillaxe e perruquería, e Eva Camino (“Fariña”) en deseño de vestiario.

“El Santa Isabel” é unha produción da galega Agallas Films (“La batalla desconocida”), en coprodución coa arxentina Aleph Cine (“El ciudadano ilustre”) e a vasca Historias del Tío Luis (“Ola de crímenes”).

Este proxecto nace en Galicia co apoio fundamental da AGADIC e da TVG, e conta tamén coa participación de RTVE e ETB, e co apoio do Goberno Vasco, do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) do Goberno de España, do Instituto Nacional de Cine y Artes Audiovisuales (INCAA) arxentino e do programa internacional Ibermedia. Da súa distribución encargarase Filmax.

Sinopse

Qué acontece despois dun naufraxio no lugar que o contemplou e viviu todo? Na madrugada do 2 de xaneiro de 1921, en medio dunha espesa néboa o vapor El Santa Isabel, con 260 emigrantes con destino Bos Aires, afundiu fronte á escarpada e dura costa da illa de Sálvora. Esa noite non había homes na illa, estaban celebrando o Nadal en terra firme. A única esperanza dos supervivintes que loitaban por non estrelarse contra as rochas eran as poucas mulleres, vellos e nenos que vivían neste lugar.

Tres mozas da illa, María (Nerea Barros), Josefa (Victoria Teijeiro) e Cipriana (Ana Oca), deciden lanzarse ao mar nunha pequena embarcación tradicional. Remando só de oído, debido á espesa néboa e á noite cerrada, logran salvar a 50 persoas. Todo o que ocorre desde esa noite vai sacudir e cambiar para sempre a esta illa.

Un xornalista arxentino, León (Darío Grandinetti), acude a Sálvora para cubrir a nova do naufraxio. Pero pouco a pouco comproba que esa noite sucederon demasiadas terribles “casualidades” na illa. Son moitas as incógnitas que hai que resolver e á illa resultaralle imposible seguir sendo unha illa.

A directora di sobre a película que está inspirada en tres mulleres que foron inxustamente esquecidas. Ademais, trátase dun thriller protagonizado por unha muller sobre a fuxida da dor (a fuxida cara diante) e sobre as sombras, e practicamente ningunha luz, do heroísmo. E tamén dun thriller creado por unha muller. Nesta película pretendemos achegarnos a un feito histórico, á reflexión sobre a fuxida da dor (da protagonista e da sociedade) a través dun filme trepidante misterioso, por momentos  incómodo e visualmente poderoso.