Cluster Audiovisual Galego

“Elisa y Marcela”, de Isabel Coixet, competirá na Berlinale

09-01-2019

“Elisa y Marcela”, a nova película dirixida por Isabel Coixet, que conta coa participación da nosa socia Zenit TV, foi seleccionada para competir na vindeira edición do festival de Berlín, a Berlinale, que este ano se celebra entre o  7 e o 17 de febreiro.

A película está protagonizada por Natalia de Molina e Greta Fernández, que encarnan a Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga, dúas mestras galegas que conseguiron casarse pola igrexa na Coruña no ano 1901, para o que unha delas tivo que facerse pasar por home, aínda que finalmente foron descubertas.

A historia de Marcela e Elisa foi descoñecida para a maioría da sociedade española durante máis dun século. Elas foron as protagonistas do primeiro matrimonio da historia de España entre dúas persoas do mesmo sexo, cento catro anos antes de que o matrimonio entre persoas do mesmo sexo fora legal. En 1885, Elisa e Marcela coñecéronse na escola onde traballaban, e o que comezou coma unha grande amizade rematou nunha relación amorosa que tiveron que vivir ás agochadas. Nos últimos anos, a súa figura foi reivindicada e a súa historia coñecerase en todo o mundo grazas a Isabel Coixet e Netflix.

Tamén forman parte do elenco María Pujalte, que dá vida á nai de Marcela; Sara Casasnovas, que encarna a Ana, a filla da protagonista; Tamar Novas, que é Andrés, o pretendente de Marcela; e Roberto Leal, encargado de interpretar ao cura de Dumbría. Ademais interveñen outros moitos actores habituais no audiovisual galego.

Para Coixet esta película é “un proxecto soñado, imaxinado e desexado desde hai moito, moitísimo tempo”, o de dúas mulleres que “desafiaron á sociedade da época” cunha valentía e unha paixón “inauditas”.

O filme, producido conxuntamente por Zenit TV, “Rodar y Rodar” e “Lanube Películas”, conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e do ICEC (Institut Català de les Empreses Culturals). Son coprodutoras da película a Televisión de Galicia, Televisió de Catalunya, Canal Sur e a plataforma dixital Netflix.